Skip to main content
Axenda CaducadaSarria

Os veciños e veciñas de Sarria poderán participar este Nadal de 5 concursos diferentes

Por 9 Decembro, 2023Decembro 10th, 2023Sin comentarios

Sarria acolle diferentes concursos de Nadal nos que poderán participar diversos grupos de idades, segundo o concurso no que se inscriban.

Así, terá lugar a IV edición do Concurso de Deseño e Decoración de Bólas de Nadal, no que poderán participar nenos e nenas de entre 3 e 18 anos que deberán decorar as súas bolas cun motivo de Nadal e deberán ser presentadas cun lazo ou corda para poder colgalas dunha árbore. Tanto as bólas como as inscricións deberán entregarse entre o 12 e o 22 de decembro na biblioteca de Sarria.

Pola súa parte, tamén se organiza a III edición do Concurso de Deseño de Postais de Nadal 2023, no que poderán participar nenos e nenas de entre 3 e 18 anos cun motivo de Nadal. Da mesma maneira que as bólas, as postais deberanse entregar entre os días 11 e 22 de decembro na biblioteca.

Concursos para os máis maiores

Por outra banda, o Concello de Sarria propón o primeiro Concurso de Microrrelatos de Nadal ‘Entre parágrafos nevados’, que ten como finalidade estimular a creatividade literaria, promovendo a escrita creativa e promovendo a lectura e escritura en galego. Para este, poderán participar todas as persoas que o desexen, e os menores de 16 anos terán que ter o consentimento dun adulto.

Outro dos concursos propostos para os adultos é o IV Concurso de Fotografía de Nadal ‘Desde Sarria con amor 2023’, no que poderán participar todas as persoas, pero se teñen menos de 16 anos deberán ter a autorización dun adulto. A foto terá que ser tomada no exterior de Sarria e debe verse a iluminación instalada con motivo do Nadal.

Por último, convócase tamén o primeiro Concurso de Sobremesas ‘Un Nadal con sabor’, no que poderán participar todas as persoas que sexan maiores de idade e que non sexan profesionais da cociña. Os doces deben estar relacionados coa temática de Nadal e deberán ser consumibles por un mínimo de 5 comensais.

Para estes concursos, as persoas participantes tamén terán como data límite de entrega o vindeiro 22 de decembro e para saber máis información, pódese consultar todas as bases na páxina web do Concello.