Skip to main content
Sarria

O BNG de Sarria convoca unha nova concentración fronte ao centro de saúde porque a situación “é lamentable”

Por 14 Decembro, 2023Decembro 15th, 2023Sin comentarios

O BNG de Sarria volve convocar unha concentración en defensa da sanidade pública diante do centro de saúde para este venres día 15 ás 20.30 horas, xa que explican “levamos moito tempo denunciando o desmantelamento da sanidade pública e en especial da atención primaria en todo o país”.

Así, critican que “a situación do centro de saúde de Sarria é lamentable pola falta de profesionais sanitarios, en tódolos ámbitos. Si en días pasados faltaban case a metade dos médicos de familia da quenda da tarde, nestes días vemos como queda desatendido un servizo tan importante como o de pediatría, onde só queda unha das dúas profesionais de esta especialidade, facendo que, se por calquera motivo esta tense que ausentar, o servizo quede totalmente desatendido”.

Por isto, denuncian que esta situación “deixa as crianzas de toda a comarca de Sarria sen posibilidade de atención médica especializada, xa que ao solicitar cita de pediatría, ás veces dan prazos de ata vinte días, o que obriga a algunhas familias a cambiar a seus fillos e fillas para pediatras de Lugo”.

Para o BNG esta situación e inasimilable, polo que convocan á veciñanza de toda a comarca para concentrarse en defensa da Sanidade Pública. Concretamente, o portavoz municipal do BNG, Efrén Castro, declarou que “ sabemos perfectamente cal é o modelo de sanidade que propón o partido popular, a xerente do Sergas Estrella López-Pardo xa nos anunciaba que tiñamos que acostumarnos a non ter servizo de pediatría en tódolos centros de saúde”.

Porén, Castro asegurou que “a cidadanía non vai aceptar o modelo privatizador do presidente Rueda, non imos aceptar unha sanidade pública onde se deixe toda a comarca de Sarria sen pediatra”; e finalizou dicindo: “Hai que rebelarse contra o desmantelamento da sanidade pública, por iso quero animar a toda a sociedade a concentrarse este venres para defender a saúde de todo e todas, especialmente a dos máis novos.”