Skip to main content
Sarria

O PSOE de Sarria denuncia que o alcalde aproveitou que non chegaran todos ao pleno para “impoñer as taxas da residencia”

Por 30 Decembro, 2023Sin comentarios

O PSdeG de Sarria denuncia a suba “xeralizada e abusiva” das taxas que impuxo o alcalde no Pleno Municipal e o voceiro socialista da localidade, Benjamín Escontrela, explicou que se revisaron á alza os impostos dun total de sete servizos: subministro da agua e da rede de sumidoiros, que contaban cunha sentenza favorable para o axuste; as taxas da residencia; as do matadoiro; as da escola de música; da recollida do lixo; e das casas de baño, duchas e piscinas de titularidade municipal.

“Fixérono de golpe e sen consensuar coa oposición”, denuncia Escontrela, a quen lle parece grave que o alcalde “logo de anos de conxelar os impostos locais apelando á responsabilidade social, cargue agora desta forma contra os veciños e veciñas, aos que lles vai subir en torno ao 20,8% en todos os servizos”.

Relata o socialista que “o Pleno comezou sen que chegáramos todos os concelleiros, unha falta de delicadeza por parte do alcalde”, e do que se aproveitou para impoñer as novas taxas da residencia, porque decantou a votación co seu voto de calidade.

“O da residencia é un escándalo, porque é a segunda vez que se suben as taxas desde o mes de setembro”, expón o voceiro, que reprocha que en tres meses os impostos desta dotación social fundamental para o municipio se encareceron en preto de 600 euros para as persoas con maior grao de dependencia e en máis de 400 para aquelas con máis autonomía.

“Nós sempre defenderemos que se dea un bo servizo, iso ten que ser unha prioridade, pero os veciños e as veciñas de Sarria non poden pagar unhas taxas como se a residencia fora nova porque non o é. O inmoble está completamente obsoleto”.

Carga tamén o socialista de xeito especial contra a decisión do alcalde de subir as taxas do Matadoiro municipal: “Non pode ser que o burato financeiro que ten a instalación por culpa dunha mala xestión e do nulo control económico por parte do Concello o vaia a pagar a veciñanza de Sarria”, denuncia Benjamín Escontrela. “Isto todo é consecuencia do despilfarro electoral que fixo o Alcalde este ano”, reprocha o socialista, que defende que a suba das taxas municipais debera ser “progresiva e consensuada”.