Skip to main content
Cospeito

Entregados os premios do Certame Torre de Caldaloba

Por 17 Decembro, 2023Sin comentarios

O Certame de Poesía Torre de Caldaloba, convocado polo Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, chegou ao seu fin coa entrega do galardón á obra Non deixedes na mesa nin leite nin pan, autoría de Xurxo Alonso Gracía escollido por “ser un poemario onde a palabra xorde como unha fervenza que escorrega polo regueiro da ausencia”.

A entrega do premio tivo lugar no Museo das Aves coa presencia do alcalde de Cospeito, Armando Castosa; a concelleira de cultura, María José Paredes; o representante de Culturalia GZ, Martiño Maseda, e a presidenta da Asociación cultural San Martiño de Pino, Inés Lozano.

E o segundo premio recaeu na obra Vaira e Cristal, cuxo autora é Paulino Peña Álvarez, da que dixo o xurado que se trataba “dun poemario en verso breve que destaca pola capacidade de entregar ao lector unha memoria aínda intacta de vivencias pasadas, grazas tamén á eficacia dunha linguaxe culta e refinada”. Tamén estivo presente para recoller o seu galardón.

O xurado estivo composto por Armando Requeixo, Maurizio e Xosé Otero Canto, actuando como secretario, con voz mais sen voto, Martiño Maseda.