Skip to main content
Cospeito

Completan os traballos de restauración ecolóxica da Lagoa de Cospeito

Por 18 Decembro, 2023Sin comentarios

Esta actuación enmárcase no proxecto Mil Ríos, unha iniciativa que, cun orzamento de 5  millóns de euros, ten como obxectivo mellorar o estado ecolóxico e a adaptación ao cambio climático de medio cento de ríos e zonas húmidas de Galicia.

A Xunta de Galicia vén de completar os traballos para a restauración ecolóxica da lagoa de Cospeito, que supuxeron un investimento de preto de 450.000 euros.

Durante unha visita a este humidal, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor as actuacións de mellora e restauración executadas co obxectivo de garantir un bo estado de conservación dos hábitats e as especies de flora e fauna que se localizan nesta contorna.

Máis polo miúdo, a vicepresidenta segunda explicou que, entre outras actuacións, leváronse a cabo a recuperación do bosque de ribeira, coa retirada de árbores mortas, caídas ou enfermas do río Guisande; a eliminación de especies exóticas invasoras; a mellora do campo visual dos observatorios a través da corta de arborado e desbroce da vexetación existente no campo visual dos miradoiros, e a renovación do pavimento exterior do centro de interpretación. A maiores, tamén se colocaron morróns para evitar o acceso de vehículos á lagoa, se restauraron os camiños e se renovaron os paneis informativos.

Ángeles Vázquez lembrou que esta actuación enmárcase no proxecto Mil Ríos, unha iniciativa da Xunta que, cun orzamento de 5 millóns de euros, ten como obxectivo mellorar o estado ecolóxico e a adaptación ao cambio climático de medio cento de ríos e zonas húmidas de Galicia, coa previsión de actuar sobre ao redor de 470 quilómetros.

Cómpre lembrar que a nosa Comunidade conta con máis de 31.000 km de ríos, cun alto valor ecolóxico que enriquecen os valores naturais e paisaxísticos de Galicia. De feito, os corredores fluviais constitúen un dos principais reservorios de diversidade de especies silvestres de flora e fauna de Galicia.

Con esta iniciativa, a Xunta pon en valor o papel identitario das arterias naturais de Galicia, responsables de transportar nutrientes, suavizar o clima galego e vertebrar o territorio. Ademais, o impulso por esta iniciativa leva aparellada outros beneficios, como é o impulso do emprego verde e o turismo sustentable.