Skip to main content
Meira

Meira: Ruta de Avelino Díaz

Por 3 Decembro, 2023Decembro 4th, 2023Sin comentarios

A ruta adicada ao poeta Avelino Díaz conta cunha distancia de dez quilómetro que se poderán realizar en aproximadamente tres horas a través dun percorrido de dificultade media-baixa. Na actualidade atópase moi ben sinalizada e é accesible tanto a pé, en bicicleta como a cabalo.

Avelino Díaz pasou algúns anos da súa infancia en Meira, antes de emigrar no 1910 a Bos Aires onde pasaría o resto da súa vida. Nado na parroquia de Santa Comba de Órrea esta ruta da comezo aquí, a catrocentos metros sobre o nivel do mar e percorrendo un camiño moi transitando polos veciños noutra época para acudir á feira de Meira.

A casa de Avelino Díaz, na Travesa, é o punto inicial desta ruta, vivenda que o poeta habitou xunto á súa nai ata os dez anos, cando se mudou a vivir a Meira. Dende aquí pasaremos pola igrexa da Órrea, restaurada a mediados do século XIX, que conta cunha planta rectangular construída en granito. A capela maior é de estilo rococó mentres que as dúas capelas laterais son de estilo barroco. Estes primeiros metros do camiño transcorren por terreo chan, cruzando o pobo de Travesa e o afluente do Eo, o río Mourín.

Unha vez que chegamos á Pena da Abelleira dá comezo unha subida durante un quilómetro e medio a través do Formigueiro onde poderemos desfrutar da paisaxe e da natureza e atoparemos dende carballos ata pinos e eucaliptos. A cincocentos trinta metros de altitude chegaremos á Fonte da Pascua, onde o camiño volve relaxarse e deixa atrás a subida.

Durante este novo tramo chan pasaremos por diferentes puntos como a Fonte da Cabana, a Rega do Francés e a Rega da Gadella para comezar de novo unha subida que nos levará ata a cima de Xuncás a seiscentos cincuenta metros de altitude. Este é o punto máis alto de todo o percorrido e dende onde poderemos apreciar a chaira lucense e ver as ladeiras que a rodean.

Comezamos de novo un pequeno descenso onde cruzaremos diferentes poboacións como Leiras, Val da Cal e Parede ata chegar finalmente á Pena. Este é o lugar onde o poeta pasou parte da súa infancia e xuventude e dende onde poderemos observar a vila de Meira.

O punto e final desta ruta é a praza do Convento en Meira e poderemos aproveitar para visitar o Mosteiro de Santa María de Meira, que serviu para a fundación da vila e que se construíu arredor do ano 1143. Na actualidade consérvase a igrexa e parte das edificacións monásticas destacando un gran rosetón na fachada principal. Ademais, dando un paseo pola vila poderemos apreciar a arquitectura civil da zona, presente en escudos e balcóns.