Skip to main content
Meira

Meira arrancou onte un completo programa de Nadal

Por 2 Decembro, 2023Decembro 3rd, 2023Sin comentarios

Meira arrancou na tarde de onte o Nadal por todo o alto e cun programa de actividades que xa se abriu coas actividades de ACEA Meira coa apertura do concurso de decoración.

Esta fin de semana incluiuse no programa unha obra de teatro, O Muro, que porá en escea o grupo Trípode para todos os públicos, na casa da cultura, a partir das 19.00 horas.

Dona Dorotea é unha muller egoísta e terrible. Propietaria de numerosos bens, teme ser asaltada e roubada por xentes que veñan doutros países. Por iso, encárgalles a Luisete e a Pacón, dous albaneis de pouca monta, que constrúan un muro ao redor da súa finca que impida o paso a todos aqueles que poidan roubarlle. Pola finca de dona Dorotea desfilan diversos inmigrantes, moi diferentes, mais con algo en común: a pobreza e as ansias de atopar unha vida mellor. Como alegorías dos diversos pobos maltratados e pobres do mundo, os inmigrantes fan palpable a inxustiza da desigualdade e do racismo.

O programa continuará o domingo 10, día de feira, no que se celebrará o tradicional rastrillo benéfico organizado pola Confraría Nosa Señora do Pedregal, na igrexa. O venres 15 continuarán coa presentación, as 20.00 horas, do libro de Xulio Pardo de Neyra, Ollos azuis. Será na casa do concello. Ao día seguinte terá lugar o tradicional concerto de Nadal a cargo da Escola de Música local. A actuación será ás 21.o0o horas na casa da cultura con entrada de balde ata completar aforo. Repetirá actuación o día 30, ás 20.00 horas.

O domingo 17 está previsto celebrar unha gala benéfica organizada pola anpa do IES Pedregal de Irimia con recollida de doazóns contra o cancro. Será na casa da cultura, a partir das 18.30 horas e terá acceso limitado. O prezo de entrada é de 5 euros pero para os menores de 12 anos será de balde.

O día 23 estará dedicado a Avelino Díaz, xa que se fará unha audición dos novos temos da Quenlla, dedicados ao poeta meirego, actividade que se desenvolverá na casa da cultura a partir das 20.30 horas.

Meira contará este ano novamente cun belén vivente e coa cabalgata tradicional como actos centrais da celebración das festas de Nadal, organizadas en colaboración coa anpa do colexio e a confraría local.

O belén vivente terá as súas representacións os días 25 de decembro e o 6 de xaneiro, como todos os anos na igrexa de Santa María ás 13.00 horas. Formarán parte deste belén os rapaces do colexio, que encarnarán as diferentes personaxes do nacemento, que volverá ter unha temática que unirá a todos.

Ademais, o día 5 de xaneiro terá lugar de nova a cabalgata de Reis, que sairá pola tarde dende a praza do Concello e paseasará polas rúas de Meira ata o pavillón, onde os Reis Magos se sumarán á festa que se organiza para poder recoller as cartas dos pequenos e escoitar as súas peticións.

Como todos os anos, os Reis percorrerán o camiño ata o pavillón sobre as súas carrozas.

Completa a programación o día 31, unha festa de despedida do ano a partir das 12.00 horas do mediodía. Haberá badaladas, sesión vermú e festa na praza do Concello. Está organizado polas asociacións.