Skip to main content
Meira

O PP de Meira destaca o investimento que realizará a Xunta no concello

Por 30 Decembro, 2023Sin comentarios

O PP de Meira destaca o compromiso do Goberno galego co municipio “como reflicte nos orzamentos da Xunta para o 2024 aprobados a pasada semana no Parlamento de Galicia”. O portavoz, Óscar Fernández, explica que “o Goberno de Alfonso Rueda consignou máis de 2 millóns de euros de investimento en actuacións específicas para Meira”.

A Xunta dirixe 1 millón de euros para executar nesta anualidade as obras da nova localización da oficina agraria comarcal. Dende o PP explican que con esta actuación “vaise poñer solución ás limitación de espazo e accesibilidade do actual emprazamento, ao mesmo tempo que reforza Meira como cabeza de comarca e como eixe da actividade agraria”.

Así mesmo, a Xunta recolle unha achega de 780.000 euros para a ampliación do solo empresarial en Meira. Dende o Partido Popular de Meira apostan por “continuar dotando a Meira de máis solo industrial para favorecer a implantación de novas empresas e a ampliación das xa existentes”.

Pero “para favorecer este crecemento, é preciso que o goberno local desenvolva o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e o que o goberno autonómico tamén inclúe unha achega económica para esa finalidade nestes presupostos, preto de 20.000 euros”. Igualmente, “é prioritario que o Concello presente unha proposta para a situación dos terreos dedicados a zona verde, equipamento social e parque deportivo. Nese sentido, dende o PP de Meira “estamos traballando para presentar unha proposta clara e viable que permita ás empresas existentes dispor de máis solo dispoñible que non limite o seu crecemento”.

O compromiso da Xunta de Galicia con Meira para o 2024 tamén inclúe unha partida de 200.000 euros para a ampliación do centro de saúde de Meira, proxecto no que o conselleiro de Sanidade se implicou persoalmente con dúas visitas neste ano e que permitirá a dotación de servizos de primeira liña garantindo o futuro da atención sanitaria no concello.

MÁIS ACHEGAS DA XUNTA

A estes investimentos da Xunta hai que sumar “outras achegas” para o financiamento dos servizos públicos da súa competencia que se prestan no noso concello ou o apoio a outros servizos de competencia municipal coma o Servizo de Axuda no Fogar. De feito, neste ano 2023 a Xunta aportou 232.000 euros para este servizo.

O Goberno galego tamén pon a disposición outras axudas para garantir servizos básicos á poboación que “o goberno local de Meira non está a aproveitar, mentres que si o fan outros concellos próximos da mesma cor política”. A Xunta dirixiu ao Concello de Meira un total de 147.000 euros con cargo ao Fondo de Cooperación Local.

ORZAMENTO MUNICIPAL

O importante investimento previsto pola Xunta para o 2024 en Meira contrasta co descenso do 63% (dos 411.000 euros aos 152.000) nos investimentos que prevé o goberno local nos orzamentos municipais con fondos propios. Para os populares “é un claro indicativo da falta de ambición do goberno local por impulsar Meira como cabeza de comarca”.

Os populares condenan que “o goberno local socialista se centre unicamente no discurso da eliminación da débeda municipal” ao entender que “iso repercute na falta de atracción de poboación e inversores que dinamicen o Concello”. A este respecto, o Grupo Municipal Popular comprométese a “apoiar calquera actuación que poña en valor o concello e favoreza a inversión privada en Meira”.