Skip to main content
Muras

O PP de Muras acusa ao Goberno local de mala xestión municipal

Por 2 Decembro, 2023Sin comentarios

A voceira dos populares de Muras, Eugenia Requeijo, define a xestión do goberno local como “un barco á deriva” atendendo á “mala planificación das obras e á desgana á hora de levar ao pleno os presupostos municipais”.

A popular comparte as queixas dos veciños e veciñas afectadas polas obras na praza do Viveiró porque “sofren continuamente problemas para pasar polos accesos provisionais. Como son camiños de terra, sen acondicionar debidamente para o paso de vehículos, varios coches tiveron que chamar á grúa para que lles axudasen a saír da lama. Hoxe poñíase en servizo unha vía na praza, pero continúa pechada a saída cara á Gañidoira, o que obriga aos veciños da zona a facer uso de camiños intransitables ou dar un importante rodeo”. Ademais, a portavoz do Grupo Municipal Popular lamenta que “o goberno local, como responsables da administración máis próxima, non ofreza información aos veciños e veciñas”.

As obras deberían estar rematadas, segundo a previsión, o 6 de novembro; pero as condicións meteorolóxicas atrasaron os traballos motivando tamén o atraso da celebración da Feira do Mel da Montaña. “Esta situación débese á mala planificación das obras” porque “se estiveran previstas para levalas a cabo nos meses secos, evitaríanse este tipo de problemas”.

O CONCELLO DE MURAS, SEN PRESUPOSTOS

Eugenia Requeijo lamenta tamén que “o alcalde non cumprise a súa palabra” porque “dixo que presentaría os presupostos para o 2024 no mes de novembro, pero xa estamos a día 1 de decembro e non temos coñecemento do proxecto”.

“Nin os do 2023, nin os do 2024”, subliña. De feito, lembra que “unha vez resoltas as alegacións presentadas en abril, o alcalde non volveu levar a pleno a aprobación dos orzamentos do 2023. Xa pasou tempo suficiente dende aquela, pero o rexedor nacionalista preferiu non volver levar a pleno a súa aprobación e iso supón atrasos no pago das axudas coma as da luz ou as da ANPA”.

Eugenia Requeijo incide en que “a pelota para desbloquear os orzamentos está no tellado do alcalde: ten que sometelos á aprobación no pleno”. Urxe, polo tanto, ao goberno local a elaborar e someter ao pleno os do 2024 para que estean en vigor a comezos de ano de forma que “non se demoren os pagos das axudas e se garantan tamén as partidas necesarias para as actuacións que se poden prever”.