Skip to main content
Muras

Muras: Unha ruta descubrindo cruceiros

Por 25 Decembro, 2023Decembro 31st, 2023Sin comentarios

Esta pequena ruta lévanos a coñecer algúns dos cruceiros situados no Concello de Muras para descubrir exemplares desta sinal de identidade da paisaxe galega

Os cruceiros son un sinal de identidade da paisaxe galega, unha expresión da devoción popular que se poden atopar en cruces de camiños ou preto de igrexas e cemiterios. Así ao longo de todo o territorio galego podemos contar un total de doce mil cruceiros cada un coas súas singularidades.

En todo o concello de Muras hai contabilizados cento dezasete cruceiros, cristos e cruces. No que respecta aos cruceiros este concello conta cun total de vinte sendo o máis antigo de data coñecida o de Samil, que se corresponde co ano 1882. En canto ás cruces hai un total de noventa e catro exemplares de diferentes tamaños e materiais. No referente aos cristos Muras conta con tres exemplos, malia que dalgún só se conserva a base, sendo o máis relevante o do Burgo.

A través dunha ruta en coche poderemos coñecer algunhas destas representacións de devoción popular situadas dentro deste concello lucense. Antes de entrar no núcleo de Muras e baixando pola rúa José Ferro Rodeiro atopamos a man dereita o cruceiro do Vilar. Este cruceiro está composto por un plinto de formigón que sostén unha base monolítica e granítica e por riba un fuste de similares condicións e sección cuadrangular, decorado con símbolos da paixón. O conxunto remata cunha cruz latina e aínda se conservan restos de policromía en ocre na parte superior do fuste.

Dende aquí dirixirémonos ao núcleo de poboación e situado no muro da primeira vivenda a man esquerda podemos atopar o cruceiro do Carballal, colocado nunha intersección de estradas. Este cruceiro conta cun plinto cuadrangular sobre o que se posa unha base monolítica e granítica sobre a cal se prolonga un fuste tamén monolítico e granítico. O capitel é de forma troncopiramidal invertida decorado con volutas e cabezas de anxos e o cume do cruceiro remata nunha cruz latina coa imaxe de cristo franqueada por dúas pequenas imaxes.

Continuando o noso camiño ata a igrexa parroquial de Muras atoparemos tres cruceiros, destacando o cruceiro da igrexa que está formado por unha plataforma con dous chanzos revestidos de cemento. Conta tamén cunha base monolítica de granito de dous tramos e un fuste de sección cuadrangular ornamentado con relevos dos símbolos da paixón e na parte superior unha cruz latina coa figura de cristo franqueado por dúas pequenas imaxes.

Desfacendo parte do camiño colleremos dirección cara a praza do Concello onde baixaremos pola rúa Santiago Apóstolo e pasando a ponte que atravesa o río Eume adentrarémonos na parroquia do Burgo. Percorrendo a Rúa chegaremos ata a igrexa de Santa María do Burgo onde xusto enfronte, nunha vivenda privada poderemos apreciar o Cristo do Burgo.

Esta peza conta cun plinto cuadrangular, de cachotería, levantado sobre un penedo que serve de sostén a unha base monolítica, granítica sobre a que se ergue unha cruz latina, monolítica, granítica e de considerables dimensións.

Desde este punto volveremos á estrada LU-540 ata chegar ao porto da Gañidoira onde atoparemos o cruceiro Alto da Gañidoira na intersección da estrada C-640 cunha pista.

O primeiro elemento deste cruceiro é un chanzo de cachotería que serve de sostén para unha base de granito sobre a que se ergue un fuste. Sobre este fuste esta situado un capitel monolítico ornamentado con volutas e cabezas de anxos. Na actualidade este cruceiro atópase sen cruz.

O último dos cruceiros que imos a visitar nesta ruta é o de Leganitos, para atopalo deberemos volver ao cruce do Porto da Gañidoira e coller dirección Viveiro onde entre os quilómetros 24 e 25 da estrada LU-540 atoparemos o cruceiro.

Foi mandado construír por Francisca Puentes Carballeira e conta cunha plataforma formada por dous chanzos, unha base de granito, un fuste e un capitel de forma trocopiramidal invertida decorado con volutas. Remata o conxunto unha cruz latina coa figura de cristo nunha cara e unha advocación mariana no reverso.

Estes son algúns dos cruceiros e cruces que se atopan dentro do concello de Muras do total de 117 manifestacións que se espallan por todo o seu territorio.

Un pequeno percorrido que nos permitira coñecer unha parte do basto patrimonio cultural que significan estas representacións dentro da cultura galega.