Skip to main content
As PontesO CorgoO ValadouroPalas de Rei

A nova planificación industrial aprobada afecta aos concellos das Pontes, O Valadouro, Palas de Rei e O Corgo

Por 22 Decembro, 2023Sin comentarios

No municipio pontés incorpórase un novo polígono, no da Mariña muda a localización e nos outros dous redúcese o terreo.

A segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) afecta un total de 24 ámbitos industriais pertencentes a 18 concellos e planifica, entre ampliacións, áreas de nova incorporación e reaxustes na superficie dalgúns dos que xa estaban previstos, un total de 662.321 metros cadrados de solo industrial máis dos que se contemplaban no documento anterior.

O Consello acordou aprobar definitivamente a modificación do PSOAEG, un instrumento de planificación aprobado pola Xunta no ano 2014 co obxectivo de delimitar e localizar a superficie empresarial necesaria a nivel autonómico e definir á vez aqueles ámbitos territoriais susceptibles de acoller este tipo de desenvolvementos para poder cubrir as necesidades que xurdan neste eido a longo prazo.

O alcance da nova actualización afecta só unha parte dos parques e ámbitos industriais inicialmente previstos no PSOAEG, que ven agora alterada a súa delimitación ben reducindo a súa superficie ou eliminando parte dos seus ámbitos, ben substituíndo algúns deles, total ou parcialmente, por outros nunha localización distinta.

En concreto e con relación ás 24 áreas afectadas pola modificación aprobada, cómpre destacar a incorporación ao documento de dous polígonos de nova creación nos concellos das Pontes de García Rodríguez (nos terreos da antiga mina de lignito) e en Mos (en resposta á demanda de solo industrial na área metropolitano de Vigo).

Tamén se aproveita a modificación para introducir seis ampliacións doutros tantos polígonos xa existentes: A Laracha, Carballiño-Maside, O Pereiro de Aguiar, A Estrada, As Neves (Plisan) e Vigo (concretamente, o polígono industrial de Balaídos). Ademais, modifícase a localización de tres áreas xa programadas —os polígonos de Meirama (Cerceda), O Valadouro e Mondariz— co fin de trasladalas a un emprazamento máis axeitado, porque se prevé unha mellor acollida na nova localización ou porque o
traslado poida axudar a salvar algún obstáculo técnico ou loxístico.

Así mesmo, redúcese a superficie inicial prevista para o desenvolvemento doutros nove ámbitos co fin de axustar ou diminuír o seu tamaño e adaptalos deste xeito á realidade actual. É o caso das áreas empresariais de Cabana de Bergantiños, O Corgo, Palas de Rei, a Cidade do Moble da Estrada, Pontecesures, Valga e os parques empresariais de Ameal, A Garrida e Valadares, os tres en Vigo.

Por último, os reaxustes afectan tamén as fases IV e V do polígono industrial do Barco de Valdeorras, das que se prescinde para sumar outros terreos nunha nova localización ao carón do parque existente, e aos vigueses de Matamá-Valadares e Chan de Labrador, que se eliminan.

Cómpre lembrar que desde a entrada en vigor da Lei de áreas empresariais de Galicia, a finais de 2022, a Xunta xa encargou a redacción dos plans estruturantes de ordenación de solo empresarial (PEOSE) correspondentes a tres parques incluídos nesta segunda modificación —A Estrada, Mos e O Pereiro de Aguiar— e en breve licitará os contratos doutros tres —Cabana de Bergantiños, Carballiño-Maside e a ampliación da Plisan—.

Tras a primeira modificación acometida no ano 2018, o PSOAEG contemplaba a delimitación de 117 áreas empresariais emprazadas en 104 concellos, abranguendo unha superficie de 45.474.091,19 metros cadrados.

Con esta nova revisión, que entrará en vigor tras publicarse no DOG, a planificación de solo empresarial a nivel galego inclúe agora 127 parques cunha superficie a desenvolver de 46.136.412,19 metros cadrados, equivalente a uns 6.100 campos de fútbol. É dicir, permitirá desenvolver 662.321 metros cadrados máis dos previstos no plan de 2018.

Aposta pola planificación e as bonificacións

A segunda modificación do PSOAEG enmárcase nas políticas da Xunta para poñer á disposición do tecido empresarial de dentro e fóra de Galicia solo urbanizado e con todos os servizos para exercer a súa actividade. De feito, a través de Xestur e do IGVS, o Goberno autonómico consolidou a súa posición como o maior promotor de solo industrial de Galicia e o único que aplica rebaixas en todas as parcelas que comercializa.

Neste sentido, cómpre lembrar o esforzo investidor que fai cada ano a Xunta en materia de solo industrial, a través do financiamento de novos desenvolvementos e da aplicación desde o ano 2015 de bonificacións dun 30 % ou dun 50 % —dependendo da localización dos parques— sobre o prezo de venda das parcelas da súa propiedade, cun balance desde entón de máis de 3 millóns de metros cadrados de solo industrial adxudicados e un aforro para as empresas que supera xa os 86 millóns de euros.

Só en 2023, a Xunta adxudicou un total de 233.250,30 metros cadrados polos que as empresas pagaron 20.072.732,43 euros, o que supuxo para as mesmas e grazas aos descontos aplicados, un aforro global de 10.756.453,26 euros.

Esta aposta do Executivo galego por favorecer o asentamento de novas iniciativas empresariais ou a ampliación das xa existentes reflíctese nos orzamentos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para 2024 en máis de 40 millóns de euros destinados a executar actuacións en 22 polígonos industriais, incluída unha partida de 5 millóns para seguir bonificando o prezo de venda das parcelas dispoñibles nos parques que xestiona a través de Xestur e do IGVS.