Skip to main content
Vilalba

MAVI fai parada en Vilalba contra a violencia de xénero cunha nova entrega de libros

Por 1 Decembro, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo destacou neste concello a boa acollida que está a ter a maleta MAVI, removendo conciencias e cambiando hábitos impostos nunha sociedade marcada por condutas sexistas e patriarcais.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, celebrou en Vilalba a boa acollida que está a ter a maleta MAVI na provincia, destacando a pegada que pode deixar no municipio este recurso empregado para remover conciencias e cambiar hábitos machistas aínda presentes nunha sociedade que a día de hoxe segue marcada polas condutas sexistas e patriarcais.

A subdelegada presentou xunto á alcaldesa do concello, Marta Rouco, e a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María Luisa Castro, a renovación dos libros da MAVI: A Maleta Viaxeira Contra a Violencia de Xénero, deixando clara a aposta do concello e do pobo vilalbés na premisa de “non dar un paso atrás na loita contra a violencia machista”.

“Deixamos constancia con esta renovación da remesa de libros de temática feminista a aposta do Goberno por crear conciencia sobre un problema que nos afecta a todas e todos e que como viñemos corroborando dende a semana pasada, semana do 25N, é un asunto que segue á orde do día e que continúa a provocar sufrimento e desigualdade en todo o país” manifestou a subdelegada.

Así, Rodríguez lembrou que na loita contra este tipo de violencias é indispensable a educación e o fomento da lectura. É por iso que se agregan novos libros que están á disposición da cidadanía na biblioteca pública municipal e que traballan temáticas que favorecen un pensamento crítico e de adopción dunha actitude de repulsa ante comportamentos machistas e discriminatorios, así como a perpetuación dos estereotipos e roles de xénero.

Estes novos libros súmase aos de Viveiro, Sarria, Quiroga e Meira, así como aos dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. En total, son 2 maletas as que están a percorrer a provincia actualmente co material para traballar sobre esta temática e que seguen a misión de ofrecer unha nova mirada ante un problema que afecta e interpela a toda a sociedade, contando a nosa provincia con máis de 660 casos activos en VioGén.

A subdelegada agradeceu á rexedora o seu interese pola proposta, evidenciando a vontade de seguir a traballar por “unha Vilalba feminista, que busca liberarse de actitudes e comportamentos machistas e misóxinos en pro dunha igualdade efectiva e real, e que grazas a estes novos libros que incluímos e aos programas que estamos a desenvolver todas as administracións públicas, conseguiremos avanzar cara unha verdadeira democracia igualitaria”.

MAVI

A maleta conta con doce libros para que tanto mulleres coma homes poidan formar parte do proxecto, incluíndo un diario onde as persoas que participen poidan expresar as súas reflexións e opinións sobre os libros e as experiencias que tiveron a través da lectura.

Entre as obras que estiveron na maleta anterior atopáronse títulos como Insolación, de Emilia Pardo Bazán; Maternidades S.A. El negocio de los vientres de alquiler, de Laura Nuño; La revuelta de las putas, de Amelia Tiganus, entre outros. Nesta nova remesa, entre a lectura atopámonos con A historia dos bonobos con lentes de Adela Turín; Yo Voy Conmigo, de Raquel Díaz; Matriarcas. Mulleres en pé de vida, de Montse Fajardo; ou Si es amor, no duele, de Pamela Palenciano e Iván Larreynaga.