Skip to main content
Vilalba

O Parque de Bombeiros de Vilalba estivo sen servizo durante todo o sábado

Por 10 Decembro, 2023Sin comentarios

O Parque de Bombeiros de Vilalba estivo este sábado, por terceiro día consecutivo, sen servizo porque só se presentaron dous efectivos dos catro convocados, segundo informou o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Lugo.

“O Consorcio ten os cuadrantes perfectamente organizados dos 6 parques de bombeiros para que poidan prestar servizo os 365 días do ano. Polo tanto, os peches non son consecuencia dunha mala xestión, senón da decisión dos bombeiros de non cubrir os servizos mínimos, incumprindo así coa súa obriga legal”, indicaron desde a dirección.

“De feito, a raíz da folga, o absentismo laboral disparouse e, no caso do Parque de Bombeiros de Vilalba, a metade dos traballadores colleu a baixa e xa renunciaron catro bolseiros denunciando o ambiente de presión que sofren para que non se cubra o servizo. Ademais, por regra xeral en todos os parques néganse a facer horas extras pola folga; collen baixas, auséntanse ou acóllense á folga cando se lles comunica que teñen que desprazarse a outro parque para cubrir servizos mínimos; e non se presentan cando teñen que facer suplencias”, afirman.

En 12 anos, os parques comarcais de bombeiros da provincia nunca pecharon, e iso demostra que, se pechan agora, é pola estratexia orquestrada polos bombeiros dende o inicio da folga para boicotear a prestación do servizo, antepoñendo os seus propios intereses aos da cidadanía.