Skip to main content
Vilalba

Sabela Olivares imparte unha nova charla en Vilalba dentro do ciclo Mulleres Galegas

Por 12 Decembro, 2023Sin comentarios

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o xoves 14 de decembro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, unha conferencia titulada O legado de Dorothé Schubarth na tradición galega, que será impartida por Sabela Olivares, titulada superior de Música. Presentará o acto Marisa Barreiro, presidenta do Iescha,

Esta será a novena conferencia correspondente ao ciclo Mulleres Galegas, poñendo colofón ao mesmo no que atinxe ao presente ano 2023.

O ciclo mencionado programouse polo Iescha para levar a cabo durante todo este ano 2023, A primeira tivo lugar no mes de xaneiro e correu a cargo de Germán Castro que nos falou da científica galega Ángeles Alvariño; a segunda, no mes de marzo, foi impartida por Vanesa Siso e levaba por título: A cousificación e mercantilización do corpo das mulleres. Revisión das cantigas de tradición oral; a terceira, no mes de abril, impartida por Luz Darriba co título Para reter a auga. Conversas ao redor de María Casares; a cuarta, a cargo de Ricardo Polín, no mes de maio, titulada A que fía, ama e ora. Estampas da muller tradicional na literatura de costumes (e no gravado antigo); a quinta, no mes de xuño, impartida por Marta Collazo Achegas feministas no itinerario de exeria, a sexta, no mes de setembro, versou sobre a figura de Juana de Vega e correu a cargo de Xosé Ramón Veiga Alonso, Ana Cabana Iglesia e Marta Veiga Izaguirrre; a sétima, no mes de outubro, co título de Tralas pegadas da Vella. O recordo no folclore da Gran Deusa Prehistórica, impartida por Lidia Mariño, e a oitava, no mes de novembro, impartida por Cris Felpeto, que falou sobre A violencia contra a muller na obra das escritoras galegas.

SABELA OLIVARES RIVAS

Titulada Superior de Música na especialidade de instrumentos da música tradicional e popular. Nacida en Vigo en 1981 dedícase profesionalmente á música como intérprete e docente dende os 19 anos. Amplía a súa formación académica participando en distintos cursos e seminarios relacionados coa musicoterapia, a pedagoxía musical activa e a técnica instrumental.

Dende o ano 2004 participa como intérprete e compositora en diferentes proxectos musicais coa gravación de varios traballos discográficos: A Compañía do Ruído (2005), Chuvia 06 (2006), Música e Patacas (2008), Había de Chover Merda (2010), Pensares Galegos (2013), A Cuadrilla da Fonte Navegante (2015), O Punchi Must Go On (2018).

Na actualidade é integrante do grupo Boroa co que acaba de publicar o traballo discográfico O Clásico Fol e do grupo de música infantil Os Jalohos.