Skip to main content
Vilalba

A Banda de Música de Vilalba fará o 25 o gran concerto de Nadal

Por 19 Decembro, 2023Sin comentarios

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba está a presentar o seu próximo concerto, que terá lugar o luns 25 de decembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Carmen Estévez da capital chairega.

A cita, que xa é un clásico na variada e multidisciplinar proposta que cada ano presenta o Concello de Vilalba, volve a ofrecer ao público un formato de repertorio vienés que xa tivo unha gran acollida o pasado ano e que este ano volve cheo de novidades e novos convidados.

Nestas novidades incluirase unha selección de arias operísticas para conmemorar o centenario da morte do célebre compositor italiano Giacomo Puccini e algúns valses e temas de autores norteamericanos tan recoñecidos como Leroy Anderson.

Todo nun serán no que a Minibanda de Vilalba volve ao auditorio coa interpretación dunha das obras do concerto, e membros da Escola de Teatro e da asociación Buxos Verdes poñerán o toque de humor e traerán a proposta ata a nosa terra.

As entradas xa se poden reservar de xeito gratuíto na páxina de entradasvilalba.es ou presencialmente na Casa da Cultura de Vilalba.

Un ano de ‘O Podcast da Banda’

Durante o ano 2023, as actuacións da Banda de Música de Vilalba viñeron envoltas nunha proposta que permitiu achegar o traballo da asociación a todos os públicos. Nos sete episodios de vida deste podcast, Dani Veiga (director da banda), Baruk Domínguez (periodista e músico da banda) e diversos convidados contáronnos máis cousas sobre concertos, compositores e compositoras, repertorio, música pop e, sobre todo, música de banda.

Co próximo episodio, que se publicará nos próximos días nas plataformas iVoox e Spotify, O Podcast da Banda cumpre o seu primeiro ano de vida coa idea de continuar este proxecto cultural e divulgativo. Con él, os ouvintes poden comprender mellor cada concerto da Banda de Vilalba abrindo unha ventá á tradición musical universal.