Skip to main content

O Circuíto Jorge Prado será sede do Campionato Nacional de Motocrós de 2024

Por 19 Decembro, 2023Sin comentarios

A competición, que contará coa participación do rider lucense, celebrarase a última fin de semana do mes de febreiro, os días 24 e 25, xusto antes do comezo do Mundial en Arxentina.

O Circuíto municipal Jorge volverá a ser sede do Campionato de España de Motocrós na súa categoría elite en 2024. A proba celebrarase a última fin de semana do mes de febreiro, os días 24 e 25, xusto dúas semanas antes do comezo do Mundial en Arxentina. A rexedora considera unha boa nova que a instalación municipal estea a consolidarse como referente no panorama nacional desta disciplina, o que axuda a difundir este deporte a nivel local e autonómico e contribúe a consolidar a nosa urbe como destino turístico deportivo.

“Tras o éxito da carreira do ano pasado na pista lucense, volveuse solicitar esta proba á Federación Galega e durante a Asemblea anual da RFME, celebrada a pasada fin de semana, aprobouse o calendario nacional”, explicou o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, quen destacou que a colaboración entre administracións foi de novo un dos puntos fortes da candidatura lucense. “Tanto a Xunta de Galicia como a Deputación de Lugo non tiveron dúbidas á hora de sumarse ao Concello de Lugo e facer posible este evento, que se saldou cun rotundo éxito deportivo e organizativo que pretendemos igualar en 2024”, sinalou o edil.

A gran cita galega será a segunda da tempada e constará de competicións nas tres clases superiores do campionato, MX1, MX2 e 125 c.c. Do mesmo xeito que o ano pasado estarán na grella os mellores pilotos nacionais e unha boa representación internacional, nun último exame antes de arrincar o Mundial. En 2023, Rubén Fernández subiu ao máis alto do podio por diante de Jorge Prado e Yago Martínez. Esta competencia volverá ser o aliciente da convocatoria, xa que a carreira de Lugo será toda unha homenaxe ao rider lucense, Campión do Mundo de MXGP, que confirmou a súa presenza na pista que leva o seu nome.

Está será a única carreira de pretempada na que participe Prado, quen deberá concentrar a súa pretempada e test técnicos en só mes e medio, unha vez concluída a súa experiencia americana no supercrós. O evento no circuíto lucense servirá para homenaxear o título mundial e animalo ante o reto do Mundial 94, no que lucirá o número 1 sobre a súa Gas Gas.

Ademais das tres administracións, tamén confirmaron o apoio ao evento as firmas que habitualmente apostan polo deporte como Torre de Núñez, patrocinador persoal de Jorge Prado, e o resto de colaboradores locais que xa estiveron presentes na estrea da pista do ano pasado. As entradas estarán á venda nos próximos días.