Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Organizacións sanitarias, sindicais e políticas manifestaranse en Santiago de Compostela o día 4 de febreiro pola sanidade pública

Por 18 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A plataforma Sanitaria A Mariña presentou a vindeira manifestación que terá lugar en Santiago de Compostela o día 4 de febreiro de 2024 ás 12.00 horas, con saída desde a Alameda e chegada á praza do Obradoiro, despois de percorrer diversas rúas da cidade.

A manifestación está convocada polo colectivo SOS Galicia, do que forman parte, ao igual que todas as plataformas sanitarias do país, organizacións sindicais e políticas, colectivos profesionais e sociais, asociacións de pacientes; ata un total 55 organizacións, e responde ao lema Pola sanidade que queremos e merecemos.

“A sanidade publica galega foi obxecto durante moitos anos de recortes serios que foron producindo un deterioro progresivo dos servizos sanitarios, de xeito que hoxe atopámonos na última etapa do seu desmantelamento, tanto pola insuficiencia de profesionais como a falta de materiais, colapsos de servizos de urxencias hospitalarias e extra hospitalarias, listas de agarda escandalosamente elevadas e á vez manipuladas , ocultando a máis da metade dos pacientes que están esperando para unha consulta, proba ou intervención”, din.

“Son estes parte dos motivos que fan tan necesaria a convocatoria desta gran mobilización de toda a sociedade galega, que esixa ao Goberno que mude esta inaceptable situación”, engaden.

Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña queren facer un chamamento a toda a poboación para que acuda de xeito masivo a esta manifestación, pois “está en xogo a recuperación do noso sistema sanitario público. Non podemos deixar que nos arrebaten un dos dereitos máis básicos que temos, o dereito á saúde e solo a mobilización social é quen de conseguir que muden as cousas”.

Desde a Mariña haberá autobuses para cubrir os desprazamentos a Santiago e para as reservas hai que chamar aos números seguintes: 982 140 654, 982 581 861 e 667 052 058. O último día para reservar é o xoves 1 de febreiro de 2024 ás 14.00 horas.