Skip to main content
CervoComarca AMARIÑAXA

Alcoa comeza o rearranque das cubas hibernadas da fábrica de Aluminio de San Cibrao

Por 4 Xaneiro, 2024Xaneiro 5th, 2024Sin comentarios

A multinacional estadounidense Alcoa vén de iniciar o rearranque das cubas hibernadas da fábrica de Aluminio de San Cibrao. Segundo os seus datos, este proceso estará completo ao 100 % en outubro de 2025 o que fará que estean activas 532 cubas de electrolisis.

Neste tempo de hibernación, a multinacional mantivo os postos de traballo na súa totalidade que son arredor duns 1.000 traballadores, e fixo investimentos para modernizar a factoría cervense, malia que falta o novo forno de ánodos.

Tamén neste período de tempo tramitáronse os parques eólicos que deberán abastecer ao complexo industrial no futuro. Está previsto que un total de nove parques eólicos subministren a Alcoa-San Cibrao a enerxía necesaria para producir alúmina e aluminio a un prezo competitivo. Deles cinco xa foron autorizados polo Ministerio de Transición Ecolóxica. No caso doutros catro, o Goberno de España agardou ata o último día do prazo, fixado o 14 de novembro, día no que a Xunta de Galicia remitiu a Madrid os seus informes sectorais, polo que non foi posible completar a tramitación administrativa en prazo.

Para este mes de xaneiro está prevista unha reunión de seguimento en Madrid entre o Goberno, a Xunta, Alcoa e os sindicatos, en representación dos traballadores.