Skip to main content
A Pontenova

A oposición fala: A Pontenova

Por 15 Xaneiro, 2024Febreiro 5th, 2024Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

A oposición pontenovesa é consciente de que a nivel político o importante é que o pobo vaia cara adiante.

O papel da oposición nun Concello é o de controlar e vixiar ao Goberno local, así como velar polas necesidades da veciñanza.

Concepción Novo, voceira do Partido Popular, e Xorxe Gómez Rico, do Bloque Nacionalista Galego, son os que exercen este labor na Pontenova e apostan desde o seu cargo por levar iniciativas aos plenos e por traballar por e para a veciñanza. O PP está representado por Novo, que conseguiu 3 escanos, e o BNG, que mantivo o seu edil.

Novo, natural da Pontenova, é técnica de raios de profesión e está vinculada a formación popular desde hai moitos anos. E Xorxe Gómez Rico, que rexenta un negocio de perruquería na localidade pontenovesa, xa fora segundo na lista nos comicios do 2019.

Novo comezou na vida política do pobo “fai mais de 20 anos xa que me gustaba participar e dar ideas para actividades, que o pobo fora a máis, ter unha mellor calidade de vida e sobre todo que mellorara o benestar dos veciños”. Esta pontenovesa vinculouse ao PP “porque era o que máis se axeitaba coas miñas ideas e os meus valores”.

“Son máis os sacrificos que os beneficios, xa que estar na oposición conleva sacrificios na vida persoal e económicos, e moitas veces a soidade de estar na oposición”, di Novo

“Hai que levar vida ás aldeas e programar actividades de todo tipo, non só no centro urbano senón tamén no rural e hai que crear unha oficina que axude na creación de empresas”, di Gómez

Pola contra Gómez Rico, entrou a formar parte da ERGA “con quince anos comecei, e con dezaseis entrei na ANPG, despois máis adiante fíxenme militante do BNG e aquí sigo”. Nestas eleccións de 2023 concorreu arroupado por unha candidatura formada por xente moza, xente das parroquias e da vila.

O PP non goberna na Pontenova desde o 2003 e Concepción Novo cre que “se volvera a liderar o Concello, dende o PP aportaríamos estabilidade, seriedade, rigurosidade e transparencia ao Concello”, e pola contra o BNG di estar preparado para gobernar “e para facer do Concello un lugar mellor para vivir e traballar. Achegamos tamén moita máis transparencia e podemos facelo porque neste momento temos un equipo de xente moi bo e xente nova con ganas de traballar”.

A popular, Concepción Novo, di que se preocupa moito polos veciños e o seu benestar e axuda ao seu partido “estando sempre na rúa para escoitar as demandas da veciñanza”. E o BNG indica que o seu partido axuda na medida do posible pois “tan só temos un concelleiro, pero iso non impide que esteamos aí e intentemos achegar ideas”.

No relativo ao futuro, desde o BNG aseguran que é posible un futuro mellor, aproveitando e desenvolvendo as potencialidades do municipio, que son moitas. Para iso é necesario remar todos na mesma dirección, afirman, “creando un clima de colaboración e consenso entre os diferentes axentes económicos,  sectores sociais e  institucións, para ofrecer aos cidadáns un pobo máis moderno, dinámico e innovador, aproveitando tamén toda a nosa riqueza agroforestal e gandeira”. Neste tema o PP di que e o seu proxecto para o municipio, pasa por “desenvolver certos sectores como a industria e o comercio, nos que antes era referencia o noso concello”.

Para o Partido Popular, as necesidades do municipio comezan en intentar afianzar e atraer poboación, facilitar a creación e asentamento de empresas, e en crear emprego para a mocidade. Outra das liñas do seu programa “é o benestar social, o coidado dos maiores, e nenos, así como o coidado medioambiental e a potenciación turístico e industrial”, sinala Novo. E para o BNG pontenovés as necesidades son similares pois “o Concello necesita agora mesmo máis vivenda de alugueiro xa que oferta neste momento moito traballo e está a chegar xente de fóra que necesita casa”, di Gómez Rico, “hai que levar vida ás aldeas e programar actividades de todo tipo non só no centro urbano senón tamén no rural e hai que crear unha oficina que xestione e axude na creación de empresas”.

En canto aos sacrificios que supón formar parte da oposición dun concello, Gómez Rico sinala que “a nivel persoal o peor que levo é a falta de tempo polo meu traballo pero fago con gusto este labor e espero que ao final da lexislatura os veciños saiban que poden contar comigo”, aínda que engade que “espero non cometer moitos erros que seguro que algún haberá”. Ademais, di que por estar na oposición “non se cobra nada”, tan só 50 euros por asistir a cada pleno.

Para Novo son máis os sacrificios que os beneficios, xa que explica que estar na oposición dun Concello conleva “sacrificios na vida persoal, sacrificios económicos, e moitas veces a soidade de estar na oposición”, e se hai que falar de beneficios di que “beneficios ningún, todos nos presentamos cun proxecto para gobernar e facer realidade o noso programa, cousa que na oposición non podemos facer”.

No relativo aos pactos de goberno para ter gobernos estables, teñen opinións diferentes pois o BNG di estar de acordo “sempre que beneficien ao pobo. Pois iso é a política”, e para o PP, “depende con quen, depende das circunstancias e das coincidencias programáticas”.

Non teñen palabras críticas para o equipo de Goberno local do que din “que as relacións son boas de momento, temos un clima de cordialidade, educación e respecto”, di Novo. E “toda a xente que está no Concello tanto no Goberno como na oposición son, primeiro de nada veciños”, engade Gómez Rico.

Pero ambos destacan que o importante a nivel político é soamente que A Pontenova vaia cara adiante e mellorar a calidade de vida de todos os veciños na medida do posible.