Skip to main content
Ribadeo

Apaga inicia un proxecto europeo sobre hidróxeno verde aplicado principalmente a vehículos

Por 23 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia inicia un proxecto europeo sobre hidróxeno verde aplicado principalmente a vehículos con outros tres socios de Turquía, Italia e Portugal. A primeira xuntanza de traballo terá lugar a principios do vindeiro mes de febreiro en Lisboa. 

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, contou que “neste momento, dentro do proceso de internacionalización que levamos a cabo desde hai uns anos, imos poñer en marcha agora, a inicios de 2024, un proxecto de innovación sobre o hidróxeno verde aplicado principalmente a vehículos. Preténdese elaborar unha serie de documentación e unha hidroxenera. É unha aposta moi clara polo tema do hidróxeno nos vehículos”.

Doural explicou que “imos traballar con 4 socios: un de Turquía; outro de Italia, concretamente da zona de Maranello, onde está a cidade Ferrari; outro centro de Lisboa; e un máis de Croacia. Algúns deles xa participaron con nós noutros proxectos e incorpórase o centro italiano da zona onde está asentada a fábrica de Ferrari”.

O presidente de Apaga indicou que “é un proxecto a dous anos no cal vai haber unha serie de reunións. O punto de arranque vai ser os días 7, 8 e 9 de febreiro en Lisboa e a partir de aí vanse programar unha serie de encontros e de xornadas de traballo que se van desenvolver durante dous anos”.

Apaga inicia tamén estas semanas as accións de mobilidade de profesorado e de alumnado: “aparte diso estamos a iniciar neste mes a programación de todas as accións de mobilidade de Apaga neste 2024, que van ser para alumnado e profesorado dos centros que están no consorcio con nós e tamén para profesores socios de Apaga. A primeira mobilidade vai ser a Italia a primeiros de febreiro e despois vai haber unha serie de saídas a Holanda, Suecia e Turquía ata finais de agosto, que é cando se van cerrar os dous proxectos que temos en marcha neste momento. Debido á pandemia seguimos con certo retraso e estamos aínda co proxecto do ano 2022 e tamén co de 2023”. 

Álvaro Doural engadiu que “ademais estamos agora iniciando o proceso de preparación dunha solicitude para 2024, que se vai executar en 2025. Posiblemente imos pedir algún proxecto de innovación dalgunha cousa nova, pero estamos analizando cos nosos socios europeos a necesidade que hai de iniciar outra acción de innovación e de mobilidade”.