Skip to main content
Viveiro

O PP de Viveiro pedirá explicacións sobre a situación na que se atopa a Praza de Abastos

Por 9 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro preguntará, en Pleno, pola situación na que se atopa a Praza de Abastos. Concretamente, demandarán á alcaldesa que precise que previsións ten o goberno local para poñer en valor estas dependencias que están tendo un declive importante e, se por outra banda, contempla no documento orzamentario deste ano algunha partida concreta para tal fin. E é que, tal e como denunciaran recentemente os populares, dos doce postos existentes, tan só están operativos cinco.

Dende o PP consideran así que é necesario manter este espazo, xa que, “é un dos pulmóns económicos da cidade” e é un dos elementos máis representativos da mesma. Proba diso, lembra Mariña Gueimunde, é que a antiga pescaría data da década de 1920 e a fachada exterior segue mantendo a estética primitiva.

A voceira popular pon así o foco no que “é un exemplo máis da falta de traballo do actual goberno”, afeándolle que “non fose quen de aproveitar as axudas que impulsan outras administracións como a Xunta de Galicia para a dinamización deste tipo de instalacións”. Concretamente, o Goberno galego pon a disposición dos Concellos a liña de subvencións de concorrencia non competitiva Rede de Mercados Excelentes de Galicia que están destinadas á adecuación e a mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais e constitúe un elemento clave para o desenvolvemento do comercio.

OUTROS ASUNTOS

Noutra orde de asuntos, os populares solicitan ao Concello, en primeiro lugar, a reparación da rampla de grandes perpiaños de pedra anexa á ponte da Misericordia e que, por mor das mareas e o paso do tempo, se foi deteriorando e constitúe un perigo para os rapaces e escolares que pasan a diario polas súas inmediacións para ir aos centros de ensinanza.

Asemade, reclaman o acondicionamento da rúa perpendicular a Cantarrana; unha vía que dá servizo a garaxes e cuxo estado é moi deficitario e supón unha incomodidade para os usuarios e particulares que non teñen outra alternativa para acceder aos seus inmobles e non dispoñen doutro espazo na contorna para estacionar os seus vehículos.