Skip to main content
Castroverde

Castroverde volveu manifestarse en defensa da atención primaria no concello

Por 23 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A cabeza de lista do BNG ao parlamento galego, Olalla Rodil, participou na concentración convocada en Castroverde en defensa da sanidade pública na comarca. Olalla Rodil afirmou que “é preciso dar a volta a 15 anos de recortes na sanidade pública e blindala con persoal e medios que garantan o acceso das galegas e galegos a unha atención sanitaria de calidade”.

Para a candidata do BNG, “unha das primeiras medidas a poñer en marcha é o Plan de Mellora da Atención Primaria, cunha partida de 200 millóns de euros para reforzar a porta de entrada á sanidade pública”, explicou. “A atención primaria foi o ámbito da sanidade que sufriu estes recortes de maneira máis forte”, declarou Olalla Rodil, que engadiu “as consecuencias, masificación de consultas, falta de profesionais, PACs ao límite, repercuten na vida diaria das galegas e galegos”.

A candidata do BNG insistiu en que estes recortes son unha realidade, tal e como revelou no día de hoxe o Defensor do Paciente, que sitúa os centros de saúde galegos entre os máis saturados do estado. Na memoria publicada, correspondente ao 2023, o Defensor ve necesario aumentar a lista de médicos e pediatras nun 30% para diminuír a presión e a “gran debilidade do sistema sanitario de Galicia”.

Olalla Rodil afirmou que “é urxente reverter estas políticas, acabar cos recortes e as privatizacións, as galegas e galegos podemos darlle a volta a esta situación e recuperar un sistema de sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade”.

O BNG defende a atención primaria como porta de entrada ao sistema de sanidade público. Segundo Olalla Rodil, “temos que cambiar o modelo actual por un no que as persoas sexan o centro, baseado en equipos de profesionais en número suficiente que poidan atender en condicións ás necesidades da veciñanza”.