Skip to main content
Castroverde

O PP de Castroverde reclama a gravación dos plenos

Por 27 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O portavoz do PP de Castroverde, Pablo Figueiras, condena o “autoritarismo, a falta de sentido democrático e ocultismo do alcalde e o seu equipo de goberno” tras rexeitar retransmitir en directo as sesións plenarias e habilitar un espazo accesible na web para acceder, posteriormente, ás gravacións en vídeo.

Tratábase dunha iniciativa presentada polo Grupo Municipal Popular que, no último pleno, contou co voto a favor do BNG pero co voto en contra do rexedor socialista e o seu equipo. “A súa negativa evidencia a falta de transparencia deste goberno local que se nega a facilitar que os veciños teñan acceso e coñezan de primeira man e de forma cómoda os temas que se abordan nos plenos, que son as reunións do órgano de representación de tódolos veciños”.

Para Figueiras non é comprensible que “o alcalde queira evitar que os veciños vexan e escoiten o que se trata nos plenos” e, polo tanto, pregúntase “que ten que ocultar o señor alcalde”.

O popular incide en que “noutros concellos estanse a retransmitir os plenos en directo para que os veciños e veciñas interesadas poidan seguilos dende os seus dispositivos móbiles sen necesidade de trasladarse ao salón de plenos. E despois tamén facilitan que os interesados poidan ver as gravacións en vídeo noutro momento habilitando para iso un espazo na web ou nas redes sociais municipais”. Pero, “o alcalde de Castroverde négase”.

Os populares lamentan esta “falta de vontade”. Tendo en conta que “na actualidade existen moitas ferramentas que permiten ofrecer este servizo cun custo asequible e perfectamente asumible polas arcas municipais, a súa negativa non é unha cuestión económica, senón política”.