Skip to main content
Lugo

A zona proposta polo PP para praia fluvial foi descartada por ser unha zona de protección

Por 3 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Goberno local esixe a voceira popular, Elena Candia, rigor na súa forma de actuar e pídelle que defenda o interese común da cidade.

O Concello de Lugo respondeu á proposta do PP para situar a praia fluvial asegurando que a zona de baño proposta foi descartada ao tratarse dunha zona coa máxima protección ambiental. “De feito, trátase claramente dun intento de xerar unha cortina de fume. O seu obxectivo final non é dar resposta ás necesidades da veciñanza nin mellorar a súa calidade de vida, como tampouco é investir en Lugo. A súa forma de actuar é o bloqueo permanente, como puidemos ver tamén co cuartel de San Fernando: propoñer unha alternativa que saben que non é viable para dilatar o proceso o máximo tempo posible e desviar a atención do realmente importante, neste caso, paralizar todos os proxectos de cidade”, dixo Méndez.

Afirmou tamén que a situación na contorna da zona dos Robles, nas inmediacións da zona verde das Saamasas, xa foi estudada polo Concello. Indicou que os técnicos municipais valoraron esta situación pero, tras varios anos de intentos e de informes de varias administracións, comprobouse que era inviable porque “estamos a falar dunha zona da ribeira con máxima protección ambiental, que ten 3 veces máis nivel de protección que a situación elixida finalmente”.

Asegura a alcaldesa que a situación elixida para a zona de baño polo Concello conta con todas as autorizacións necesarias de todos os organismos implicados, fundamentalmente a CHMS, pero tamén co visto e prace da Xunta. O proceso para solicitar estes permisos é moi complexo e garantista e estendeuse moito no tempo ata poder acadar a concesión por 25 anos. “O obxectivo desta ocurrencia do grupo municipal do PP é dilatar o proceso o máximo posible no tempo para que os lucenses e as lucenses continuemos sen unha zona de baño pública e gratuíta na contorna do río ao tempo que enmascaran o boicot da Xunta”, explicou.

Solicitou á voceira popular, Elena Candia, rigor na súa forma de actuar “e que deixe de propoñer ocorrencias para Lugo que carecen de aval técnico e só buscan acadar un rédito electoralista que para nada defende o interese común da cidade”.