Skip to main content
Lugo

Besteiro afirma que apostará dende a Xunta por empresas que creen emprego

Por 4 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Subliña o novo impulso do Goberno de España á industria galega con 5 millóns de euros para 6 proxectos empresariais, “un camiño que aínda será máis potente despois de febreiro dende o Goberno de Galicia”.

José Ramón Gómez Besteiro apostará dende a Presidencia da Xunta de Galicia por empresas que creen emprego de calidade e proxectos industriais que fixen poboación. O candidato socialista subliñou neste sentido o novo impulso que o Goberno de España vén de darlle a industria galega coa concesión de case 5 millóns de euros en incentivos rexionais para o desenvolvemento de 6 proxectos empresariais. “Un camiño”, incidiu, que “aínda será máis potente despois de febreiro dende o Goberno de Galicia”.

As axudas que vén de outorgar o Goberno central, valorou Besteiro, mobilizarán un investimento de máis de 54,3 millóns de euros e permitirán crear 175 novos empregos e manter 924 postos de traballo. “Este é o camiño que queremos para Galicia: o do crecemento”, asegurou o candidato do PSdeG á Xunta.

Os incentivos rexionais son axudas financeiras que concede o Executivo do Estado en forma de subvencións para fomentar a actividade empresarial, contribuíndo deste xeito, asegurou José Ramón Gómez Besteiro, “ao equilibrio interterritorial e ao crecemento económico inclusivo e sostible mediante o financiamento de proxectos de investimento produtivo, xeradores de emprego, tecnoloxicamente avanzados e medioambientalmente sostibles”.

Coa resolución que vén de aprobar o Goberno a través dun acordo da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos (CDGAE) e dunha Orde do Ministerio de Facenda- e que publicará mañá mesmo o Boletín Oficial do Estado (BOE), reciben investimento Kern Pharma, en Monforte de Lemos; Dimalnox SL, en Culleredo; Metal Manufacturing Oviedo Voces SL, en Bergondo; Top Balea Beach, no Grove; e Dmanan Hotel N’Lugo e Vanica Gestión, en Lugo as dúas. Precisamente, seis proxectos empresariais que “contribúen ao equilibrio territorial, reforzando os municipios e comarcas nas que se asentan como polos económicos e xeradores de emprego de calidade, os factores imprescindibles para fixar poboación”.

“Estamos ante un exemplo máis da política industrial que promovemos os socialistas dende o Goberno do Estado e que levaremos a cabo dende o Goberno da Xunta, fronte a un Partido Popular instalado na inercia, que, nestes case 15 anos, non desenvolveu ningún plan de industrialización para Galicia, nin ten ningunha estratexia para o futuro, aínda tendo os recursos e as competencias segundo o Estatuto de Autonomía”. “Unha inacción que lastra a Galicia e que fai que esteamos perdendo moitas oportunidades”, asegurou o candidato socialista á Xunta.

Tal e como recalcou o socialista, o Goberno aprobou no último ano en Galicia incentivos rexionais para 9 proxectos que supoñían un investimento total de 62 millóns de euros. Estas iniciativas recibiron 6,6 millóns de euros de subvencións e permitiron crear 219 postos de traballo e manter 1.019 empregos.

O candidato do PSdeG resaltou neste sentido que durante os 5 anos de Goberno de Pedro Sánchez se duplicaron os investimentos subvencionados mediante incentivos rexionais en toda España respecto aos cinco últimos anos do Goberno de Rajoy. En concreto, no período 2019-2023 aprobáronse un total de 1.059 millóns de subvencións para este tipo de proxectos, fronte aos 492 millóns do período 2013-2017.