Skip to main content
Lugo

Maite Ferreiro anima á cidadanía a participar da Cabalgata de Reis

Por 5 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, animou a toda a veciñanza a participar na cabalgata de Reis, que sairá esta tarde a partir das 18.00 horas. “Agardamos a máxima participación nunha tarde máxica preparada polo Concello cos Reis Magos, para que sexa recordada, durante moito tempo, como algo especial polos nenos e nenas desta cidade”, explicou a Concelleira de Cultura.

A Cabalgata, titulada Fermoso Planeta, percorrerá as rúas de Lugo o vindeiro 5 de decembro a partir das 18:00, saíndo desde o Parque da Milagrosa e coa previsión de chegar ao Concello ás 20:00. O percorrido contará con 4 carrozas e 12 espectáculos chegados a Lugo desde distintas partes do mundo.

A temática da cabalgata deste 2024 é a ecoloxía, a conservación do medioambiente, a importancia de manter a biodiversidade e loitar contra o cambio climático.

Espectáculos cabalgata 2024

Música con Cántigas e Frores e a Tambukda que acompañarán aos resi na cabalgata mentres Bloco Meigallo e os participantes dos obradoiros de panxoliñas farán máis entretida a agarda diante do Concello.

  • OS PINGÜÍNS QUE VEÑEN DA ANTÁRTIDA: Os pingüíns escoltarán ao rei Melchor na súa viaxe ata o Concello cos seus bailes.
  • O LAGO DOS CISNES Estas maxestuosas aves envolveran a grandes e pequenos no seu ritmo.
  • POLBO XIGANTE. Dende o fondo do mar, esta enorme criatura mariña fará as delicias de grandes e pequenos.
  • FLAMINGOS. Unha parada na súa migración para acompañar aos reis na súa viaxe.
  • LES JEANNOTS. Luz, son, bailes e moita diversión con esta familia de animais.
  • OS CANGUROS CHEGAN A LUGO. Saltando saltando en Lugo acabaron aterrando cos seus xogos.
  • AVES DO PARAÍSO. Unha fantasía de cores para encher o ceo das rúas de Lugo.
  • CONGO MASSA. Un anaco de África en Lugo, unha mostra da natureza máis salvaxe.
  • GLOBOS PARA PERCORRER O MUNDO. Os agasallos percorren o mundo buscando un lugar onde quedarse.

Haberá de máis 94 artistas e 32 paxes reais para o reparto de caramelos.

PERCORRIDO

A Cabalgata de Reis ampliará este ano o seu percorrido para adaptar o itinerario ás obras de peonalización do Centro Histórico de xeito que, en lugar de entrar ao recinto amurallado pola Porta de San Fernando, continuará pola Rolda ata a entrada da rúa Vilalba e accederá á Praza Maior a través de Bispo Aguirre.

  • Data e Horario: Venres, 5 de xaneiro, de 17:30 a 20:00 horas.
  • Itinerario: Rúa Monte Faro; Avda. da Coruña; Rolda Muralla; Rúa Bispo Aguirre e Praza Maior.

Debido á súa celebración, dende o Concello de Lugo e a Policía Local se dá traslado de que o tráfico da cidade se verá afectado tanto nas rúas que percorra a Comitiva como tamén nas vías adxacentes e, especialmente, no Centro Histórico.

Percorrido: Deste xeito, ponse en coñecemento de toda a cidadanía que, como viña sendo habitual, nas rúas polas que transcorra a Cabalgata, o tráfico estará parado o tempo que tarde en pasar a mesma, restablecéndose a continuación.

Iso sucederá especialmente en todas as vías que desemboquen á avenida da Coruña e na Rolda da Muralla dende a Porta de San Fernando ata a Rúa Vilalba.

CENTRO HISTÓRICO

Polo que respecta á entrada e saída a circulación rodada dentro do Centro Histórico, a circulación de vehículos verase afectada non só polo paso da devandita comitiva senón tamén debido ao plan especial de tráfico que se está realizando polas obras enmarcadas na estratexia Corazón Verde.

Por iso, dende o Concello e a Policía Local se recomenda de maneira encarecida que durante a tarde do día 5 de xaneiro, unicamente accedan ao recinto amurallado aqueles condutores e condutoras que dispoñen de garaxe ou cuxo acceso á zona resulte imprescindible.

Así mesmo, infórmase de que haberá momentos de circulación parada de xeito que o tráfico de saída pola Rúa Nova estará parado durante o paso da Cabalgata por dito tramo da Rolda da Muralla.

Temporalmente e coa finalidade de non colapsar o Centro, limitarase o acceso ao mesmo dende a Porta de Bispo Odoario e dende a Porta da Rúa Teatro, permitíndose o paso exclusivamente aos vehículos autorizados.