Skip to main content
Lugo

Lugo estivo un ano máis na celebración do San Xiao de Ferrol

Por 8 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A rexedora recordou que ámbolos dous municipios comparten retos en común, como a mellora das comunicacións, a consecución do AVE ou os necesarios avances en sustentabilidade que permitan consolidar a transformación das súas economías locais.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou esta mañá durante os actos de celebración do patrón da cidade de Ferrol, San Xiao, a necesidade de reducir o nivel de crispación social para abordar con garantías os retos que presenta o futuro a nivel local, autonómico e nacional. “É máis necesario que nunca que recuperemos a paz social e que se rebaixe o nivel de crispación que se está a alimentar desde determinados sectores. Como sociedade, debemos ser capaces de camiñar xuntos para afrontar coa fortaleza necesaria os retos que están por vir”, manifestou a rexedora, quen acompañou a José Manuel Rey Varela durante os actos nos que se outorgaron as distincións de ferrolán do ano e as insignias de ouro que nesta edición recalaron en persoas e colectivos vencellados ao mundo do deporte, o comercio local, a cultura, a arte e a medicina, así como a representantes dos movementos veciñais e sociais do municipio irmandado con Lugo.

Neste sentido, Méndez recordou que ambos municipios comparten retos en común, como a mellora das comunicacións, a consecución do AVE ou os necesarios avances en sustentabilidade que permitan consolidar a transformación das economías lucense e ferrolá. “Compartimos obxectivos e debemos traballar da man para acadalos. Só a través da colaboración seremos capaces de converter en realidade as melloras necesarias para que os nosos municipios poidan incrementar a súa capacidade de crear emprego e fixar poboación”, sinalou.

A rexedora, que estivo acompañada polas responsables das áreas de Sostenibilidade Urbana e de Benestar Social, Paula Alvarellos e Ana González Abelleira, así como polo concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, trasladou a felicitación dos lucenses ao tempo que destacou a contribución ao fortalecemento da identidade local de iniciativas como esta da corporación ferrolá. “Celebracións como a de hoxe, onde se recoñece a aqueles que traballan pola súa comunidade, contribúen de forma extraordinaria a reforzar a nosa identidade e permítenos recoñecer aos referentes que deben inspirar o camiño a percorrer”, manifestou.

Durante a súa intervención, a alcaldesa quixo destacar a importancia do comercio local, dous dos galardoados este ano son negocios familiares centenarios, como xerador de emprego e motor da economía e pola súa contribución a sustentabilidade. “ Preservar o noso comercio a a nosa hostalería é unha forma de avanzar na consecuición dunha economía circular e de proximidade. Acadar os cen anos de historia constitue un exemplo de éxito e supón unha inspiración para todas as persoas emprendedoras”, dixo Méndez.

Ademais, Lara Méndez, puxo en valor o papel dos outros galardoados nos seus ámbitos de actuación destacando a importancia do movemento asociativo e veciñal. “É necesario recordar que a contribución do movemento asociativo e veciñal é vital para as nosas comunidades, por iso desde as administracións debemos coidalo, respaldalo e promovelo, para que o traballo exemplar de persoas homenaxeadas hoxe poida ter un releveo xeracional”, indicou Méndez que, antes de rematar, recordou a figura do escritor Gonzalo Torrente Ballester, ao que Ferrol dedica este 2024 o seu ano cultural cando se cumpren 25 anos do seu falecemento.