Skip to main content
Lugo

O Campus Terra refórzase coa activación de novas canles de comunicación

Por 11 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A creación dun blog informativo e a apertura de canles propias de Tik Tok e Linkedin pretenden unha maior proxección do Campus Terra, afondan nas súas fortalezas e favorecen a participación activa de estudantes, docentes e investigadores no día a día do campus de especialización da USC en Lugo, que tamén terá a súa newsletter.

O Campus Terra da USC reforza a comunicación coa súa contorna e aposta por ampliar comunidade coa posta en marcha de novas redes sociais e mesmo coa creación dun blog informativo que permitirá dar conta e facer máis visibles as fortalezas e singularidades do campus de especialización da USC en Lugo. A apertura de canles propias de Tik Tok e Linkendin, dúas redes sociais que se suman as xa operativas en Facebook, X e Instagram, pretenden asemade unha proxección máis ampla do Campus Terra, ao tempo que favorecen as vías de participación activa de estudantes, docentes e investigadores no día a día do campus de especialización da USC en Lugo.

A comunicación plural, aberta e efectiva antóllase pois como unha nova prioridade do Campus Terra da USC logo de acadar a súa consolidación como campus de especialización no marco do Sistema Universitario de Galicia (SUG), despois de que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia acreditara xa en 2021 a singularidade desta sede universitaria, a fin de transformar o Campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento relacionados coa sustentabilidade social, económica e medioambiental do uso da Terra.

Unha vez asentada a presenza do Campus Terra da USC como entorno universitario especializado de referencia no eido agroalimentario, desde unha perspectiva multidisciplinar que abarca os eidos medioambiental, económico, social e cultural, tanto na súa vertente docente —con titulacións de grao, mestrado e programas de doutoramento—, como na súa dimensión investigadora, con actividades de transferencia e difusión ao sector produtivo e á sociedade en xeral, as novas ferramentas de comunicación de que se dota este campus de especialización da USC antóllanse como recursos apropiados para avanzar na súa transparencia, así como para potenciar de xeito informal e en clave interna o intercambio de opinións, preferencias e ou suxestións e mesmo para chegar á mocidade e atraer talento mozo alén de calquera fronteira.

As primeiras experiencias do Campus Terra en Tik Tok, a rede social máis empregada pola mocidade e tamén a que centra a súas preferencias, permitiron xa espallar imaxes (vídeos) e opinións sobre este campus de especialización da USC entre a mocidade española, alén do seu lugar de residencia. A boa acollida que está a ter o Tik Tok do Campus Terra tradúcese asemade en métricas que sitúan a sede luguesa nesta rede social por diante doutras universidades españolas con máis tradición nesta canle de comunicación.

LinkedIN e blog informativo

A crecente presenza do Campus Terra da USC no plano das RRSS tradúcese tamén na creación dunha conta propia de LinkedIN, unha plataforma máis orientada a colectivos profesionais, pero tamén a docentes e investigadores, ademais de calquera outro usuario interesado, que xa dispón dunha nova xanela dixital para participar en debates, intercambiar ou coñecer a actividade que desenvolven colegas profesionais de moi diversos ámbitos.

Alén da posta en marcha de canles propias en Tik Tok e LinkedIN, o Campus Terra conta tamén na súa web cun blog informativo con contidos propios, unha bitácora virtual da que son e serán protagonistas exclusivos as persoas que forman parte da comunidade do Campus Terra, xa na súa condición de estudantes universitarios ou ben como docentes ou persoal de investigación.

A estas novas canles de comunicación cómpre engadir tamén a newsletter que en breve reforzará a estratexia de comunicación do Campus Terra da USC. Este novo boletín informativo que se difundirá a través de correo electrónico a todas aquelas persoas que se fagan subscritoras, nace con periodicidade mensual e coa pretensión de informar, ou, no seu caso, de actuar como recordatorio das actividades, proxectos e eventos que se desenvolven no Campus Terra da USC.