Skip to main content
Lugo

Lara Méndez fixo efectiva a súa renuncia no Pleno de hoxe

Por 12 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Pleno do Concello de Lugo oficializou esta mañá a dimisión da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, nunha sesión cun único punto e na que a emoción foi o trazo principal. Méndez deixa o seu cargo para entrar como número 2 da lista de candidatos de José Ramón González Besteiro á Xunta de Galicia.

“Hoxe me toca afrontar o pleno máis difícil, como alcaldesa despois de case nove anos”, así comezou a alcaldesa o seu discurso no que agradeceu aos membros da corporación, da actual e das pasadas o seu traballo. Tamén tivo palabras para os seus socios de Goberno, aos que agradeceu por “facendo doado para que saíran adiante grandes proxectos”; ao seu equipo “por escollerme para liderar o proxecto” e ao PSOE “por darme a oportunidade de ter o privilexio de ser alcaldesa da cidade”. Tamén lembrou aos asesores e persoal de confianza, “que son o sustento do grupo municipal e fan o seu labor na sombra”, aos funcionarios, “polo seu esforzo colectivo”, aos axentes económicos e sociais, aos veciños e por suposto a súa familia.

“Podo irme orgullosa de deixar unha cidade maior, quedan proxectos por desenvolver e por iniciar pero vou convencida de que seguirá unha corporación para seguir traballando por Lugo”, concluíu.

“Seguirei traballando por e para Lugo. Creo que deixo moitos compañeiros e amigos que seguirei mantendo esa conexión”, concluíu.

Ao saír da sesión, dixo estar “emocionada e orgullosa”. Falou tamén da súa nova etapa insistindo en que seguirá traballando por Lugo e asegurou que o acordo de Goberno é sólido e seguirá adiante.

Tamén adiantou que o relevo non está decidido porque aínda se está a estruturar o equipo. “Trátase de avaliar e tomar a mellor decisión para Lugo”, dixo.

Lembrou que hai dez días para convocar o pleno para escoller o novo alcalde ou alcaldesa e que cando se faga a convocatoria darase a coñecer o nome.

Preguntada polas súas preferencias asegurou que non pode tomar unha decisión “é como cando lle preguntas a unha nai cal é o fillo que quere máis”.

Antes de que se produza a sucesión durante estes dez días, o nacionalista Rubén Arroxo, socio de Goberno, ocupará a Alcaldía da cidade.