Skip to main content
Lugo

‘Art for Change’ impulsa o proxecto ‘O laboratorio de formas rural’

Por 14 Xaneiro, 2024Xaneiro 15th, 2024Sin comentarios

A proposta presentada por Vicente Blanco, Salvador Cidrás e Estella Freire figura entre as 22 candidaturas aprobadas na convocatoria de 2023 do programa financiado pola Obra Social La Caixa para impulsar proxectos de creación liderados por artistas que impliquen la participación activa de colectivos en situación de vulnerabilidade e favorezan a transformación social.

O proxecto O laboratorio de formas rural, unha iniciativa artística de intervención social promovida polos profesores na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC Vicente Blanco, Salvador Cidrás e Estella Freire, todos eles ligados ao colectivo Escola Imaxinada, figura entre as 22 candidaturas seleccionadas na última convocatoria do programa Art for Change, unha iniciativa impulsada e financiada pola Obra Social La Caixa a través da que se apoian proxectos de creación en distintas disciplinas liderados por artistas e cuxo desenvolvemento implica a participación activa de colectivos en situación de vulnerabilidade e contribúe á transformación social.

O laboratorio de formas rural, que é una das tres propostas seleccionadas na modalidade de artes plásticas, responde a un proxecto que se presenta como un escenario de acción móbil que permite o desenvolvemento de talleres creativos, interxeneracionais e interdisciplinares, a través dos que as persoas participantes teñen a oportunidade de afondar no coñecemento e na conservación do patrimonio natural, material e inmaterial.

O obxectivo desta proposta, explica Vicente Blanco, é recuperar e reivindicar os saberes e faceres propios de cada lugar, ademais de facilitar a súa aplicación ao deseño de recursos, materiais e obradoiros de corte artístico-educativo centrados no coidado e o respecto dos lugares que habitamos.

A acción deseñada por este trío de artistas e docentes na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC contempla a celebración de talleres orientados a comunidades educativas e familias que viven e exercen a súa actividade no medio rural. De feito, todas as accións previstas desenvolveranse a partir do mes de febreiro do CEIP O Corgo, un escenario no que ademais de traballar coa infancia, tamén se impartirán accións formativas dirixidas ao profesorado.

Vicente Blanco sinalou asemade que un dos retos fundamentais deste proxecto de consolidación deste tipo de metodoloxías activas de creación artística pasa por salientar a infancia como esperanza para afrontar un escenario de crise ecolóxica, cultural e educativa que se manifesta significativamente nunha contorna rural cada vez máis despoboada e abandonada.

As accións aprobadas por Art for Change na súa convocatoria de 2023 botarán a andar ao longo do mes de febreiro, logo dunha xornada de presentación das candidaturas que se celebrará en Barcelona a finais de xaneiro, relata Vicente Blanco, ao tempo que precisa que o orzamento deste programa sitúase ao redor de 20.000 euros, dos que a Obra Social La Caixa achega 15.000.

Alén doutras cuestións, o artista plástico Vicente Blanco explica que o proxecto O laboratorio de formas rural empregará nas súas distintas sesións catro estacións de traballo diferentes: gráfica (imprenta), barro, construción (madeira) e narrativa (reprodutores).

Blanco Mosquera fixo especial fincapé na importancia de conservar e poñer en valor a sabedoría e as tradicións propias de cada territorio, ao tempo que apuntou este tipo de metodoloxías activas poden constituír tamén un recurso apropiado para mellorar a capacidade de atención da infancia durante os procesos de aprendizaxe.