Skip to main content
Lugo

Tarabela Creativa presentará en Lugo o seu novo traballo sobre emigración

Por 15 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O grupo Tarabela Creativa presentará en Lugo, o próximo 4 de febreiro o seu novo traballo, Boa sorte, Mala fama, creado por Hei Castro. Será ás 18.30 horas no auditorio Gustavo Freire.

Detrás desta hai dous anos de investigación, moitas historias diferentes recollidas en arquivos e en entrevistas e o labor dun equipo humano.

Este proxecto nace para ser visto tres formatos: O escénico, o libro e o documental. Trátase dunha traxicomedia en tres actos: Acto primeiro, os tratos; acto segundo, os maltratos, e acto terceiro, os retratos. Nos que facendo unha cartografía e un percorrido a través de diferentes épocas e persoas se contará a historia máis “incómoda” da nosa emigración.

Empregando para isto tres disciplinas: a narración oral (que será o fío condutor), a música ao vivo (que fará que o público se sitúe naquelas outras realidades e sensacións que atravesamos) e na interpretación actoral (coa que se poñerá corpo ás palabras e coa que se traballará na metáfora do espello e doreflexo como leit motiv.) Tres mulleres en escena para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega.

Durante un ano e medio Tarabela Creativa realizou entrevistas a varios centros galegos, á Asociación de xóvenes Emigrantes Retornados en Galicia, a asociacións fundadas na diáspora que se ocuparon de abrir escolas en parroquias de todo o país, a cregos, a representantes de caixas e bancos, a sindicalistas na diáspora, ao Arquivo da Emigración Galega, a ducias de emigrantes retornados dende medio mundo a toda a xeografía galega, documentouse con bibliografía e hemeroteca, visitou museos da emigración, tratou de contactar cos portos galegos e conversou coa filla dunha das fundadoras das Nais da Praza de Maio, Dionisia López Amado, de Cedeira. Recollendo historias de Venezuela, Arxentina, Uruguai, Brasil, Cuba, Panamá, Guinea Ecuatorial, Australia, Bélxica, Suíza, Alemaña, Francia, Gran Bretaña, Países Baixos, Estados Unidos ou Canadá.

TARABELA CREATIVA

Tarabela Creativa é unha compañía asentada en Lugo e fundada por Diego Gallego e por Carmen Conde que reúne sendas traxectorias profesionais en distintos ámbitos: Diego, procedente do mundo da produción e da xestión comercial; Carmen, guionista, narradora edramaturga.

Perseguen dúas vocacións: a primeira, contar historias a través das artes escénicas e do audiovisual… A segunda, un fundamental labor de plantar a semente dos futuros contadores e contadoras en diverso formato a través da formación.

Crearon a miniserie web Premios Darwin, así como a serie dixital sobre a historia da música en Galicia Quéreme soar! para a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Así mesmo, ocupáronse da dirección artística, guión e presentación dos IX Premios Martín Códax da Música Galega. Baixo o seu selo teñen escrito e producido varios espectáculos de narración oral para público adulto e infantil, con grande presencia tanto en teatros e auditorios de Galicia, coma en festivais de diverso corte.