Skip to main content
Lugo

Lugo concéntrase este sábado a favor do pobo palestino

Por 19 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Lugo súmase este sábado aos máis de 85 municipios no Estado español esixindo o fin do comercio de armas con Israel e polo fin do xenocidio en Palestina, seguindo o chamamento da Rescop (Red Solidaria contra la Ocupación de Palestina). A cita será ás 12.00 horas na praza Maior, diante do concello.

“España compra moitas máis armas a Israel das que vende. Só nos últimos meses o Estado español comprou a Israel lanzacohetes, mísiles e outro material militar por valor 865 millóns de euros. Por iso, e en resposta á chamada palestina de poñerlle freo, máis de 375 organizacións de todo o Estado español lanzaron unha petición para esixir ao goberno que lle poña fin ao comercio de armas con Israel”, explica o colectivo Lugo por Palestina.

Afirman que comprarlle armas ou tecnoloxía de seguridade a Israel “é comprar produtos que están construídos sobre flagrantes vulneracións de dereitos, é comprar inxustiza, discriminación e represión e deberiamos rexeitar a súa compra simplemente por imperativo moral, porque atenta contra a raíz mesma do noso sistema democrático e de dereito”.