Skip to main content
Lugo

O PP critica a decisión de Alvarellos de contratar un xestor para Urbanismo

Por 20 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O PP afeou a actitude na nova alcaldesa da cidade, porque “a primeira decisión sexa gastar 70.000 € para contratar a unha persoa externa que dirixa urbanismo”

“Estamos sorprendidos porque a primeira decisión da nova alcaldesa sexa encarecer a xestión do goberno local e gastar 70.000 € en contratar a un cargo de confianza para solucionar os problemas que hai no departamento de urbanismo”, indican.

Para os populares que unha persoa externa ao concello teña a responsabilidade dun dos departamentos máis importantes da estrutura municipal “certifica, de forma explícita, que Alvarellos non se ve capaz de resolver a parálise que hai no departamento”.

“Hai que lembrar que a propia Alvarellos presumía de que cos novos instrumentos que impulsou, como a ordenanza reguladora para licenzas urbanísticas, íase desbloquear o pescozo de botella que había en Urbanismo. A realidade é que fracasou e proba diso é que na última Xunta de Goberno tan só se resolveu unha licenza de obra para instalar un ascensor” engaden.

Os populares din que este nomeamento é un gasto excesivo “tal e como xa explicamos nunha das emendas que presentamos aos orzamentos municipais onde pedíamos que se eliminase a partida para contratar a un órgano directo coa idea de destinar estes fondos a incrementar partidas de persoal para reforzar os servizos municipais”.

Outro motivo polo que esta decisión “non é acertada é porque pon en tea de xuízo o traballo dos técnicos municipais” interpretando a súa decisión como unha “mostra da desconfianza por parte da nova alcaldesa sobre a capacidade do persoal da casa”.

AXUDAS COMERCIO

Por outra banda, aseguraron tamén que o Concello de Lugo renunciou a presentarse en 2023 a unha convocatoria de axudas para modernización a transformación dixital do comercio local que poderían supoñer unha inxección de fondos de 2M€ que beneficiarían de forma directa aos seus titulares.

Os populares apuntan que nas convocatorias de 2022 e 2021 o Concello de Lugo si presentou proxectos, pero foron desestimados polo Ministerio, “porque o seu contido non permitiu alcanzar a puntuación mínima”.

Os populares acusan ao goberno local “de desinterese e de falta de apoio a un sector que vive momentos difíciles” e piden á nova alcaldesa que en 2024 non perda esta oportunidade e que se presenten á convocatoria deste ano “cun proxecto sólido e ben preparado para evitar que o goberno central o volva a desestimar”.

Con respecto á construción do novo pavillón polideportivo o goberno local puxo de manifesto que “hai orzamento para licitar o proxecto pero tamén recoñeceu que non se iniciarán as obras neste 2024” o que reafirma que para o equipo de goberno esta dotación tan necesaria non é unha prioridade para eles.