Skip to main content
Lugo

Presentan en Lugo o programa Lideramos, para a cualificación de mulleres directivas

Por 20 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participaron no acto de presentación en Lugo do programa Lideramos, co que a Xunta de Galicia está a promover a formación de mulleres na xestión de equipos co obxecto de afondar na rotura dos teitos de cristal e avanzar na igualdade.

Un total de 150 mulleres con responsabilidades directivas participan en toda Galicia nesta iniciativa que, no caso de Lugo, conta con 30 participantes.

A representante da Igualdade puxo en valor a experiencia das participantes neste proxecto que promove eliminar fendas de xénero e fortalecer a creación de novos perfís profesionais, motivar e crear cadros de persoal diversos.

Vázquez destacou o compromiso de Galicia coa igualdade de xénero e a súa aposta polo liderado feminino. Programas como Lideramos favorecen a interrelación entre as participantes, mellorando as capacidades destas mulleres, indicou.

A iniciativa incorpora accións para o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións de coaching individualizadas co obxectivo de brindar ás participantes ferramentas para coñecer as forzas motivadoras dos equipos.

A xornada hoxe celebrada en Lugo -Ferramentas prácticas para o liderado feminino, a mellora profesional e a xestión de equipos- enmárcase no programa de actividades do programa Lideramos que iniciou este xoves a súa formación en Pontevedra e seguirá o seu curso con accións programadas ata o 11 de abril nas catro provincias.