Skip to main content
Lugo

Paula Alvarellos destaca o traballo de Campo Vidal sobre a despoboación

Por 22 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu esta mañá na Casa Consistorial ao xornalista Manuel Campo Vidal. A rexedora e o histórico escritor e sociólogo mantiveron un breve encontro, de aproximadamente media hora, no que se centraron nas problemáticas asociadas ao proceso de despoboamento que experimentan as zonas interiores e rurais do país. Alvarellos reivindicou a necesidade de implementar políticas a nivel europeo, nacional e autonómico que contribúan a frear a hemorraxia poboacional. Así mesmo, a rexedora compartiu as estratexias postas en marcha polo Executivo a nivel local para fixar poboación e dinamizar a nosa economía, como Lugo Transforma.

Durante o encontro, Campo Vidal agasallou a Alvarellos cun exemplar do seu libro La España despoboada, no que afonda sobre os movementos migratorios que baleiraron o espazo rural ao longo dos últimos dous séculos. A rexedora agradeceu a contribución única de Campo Vidal ao dereito á información ao longo da súa dilatada carreira e destacou o seu papel como comunicador, documentalista, investigador e sociólogo. “É necesario destacar o gran valor documental da obra de Campo Vidal como testemuña deste proceso de despoboación. Os seus traballos sobre este tema constitúen unha ferramenta de gran utilidade en distintos eidos, xa que axuda a entender as múltiples orixes do problema e esboza o camiño para acadar unha solución”, rematou.