Skip to main content
Lugo

Abre a votación das video receitas de Le Cordon Bleu, onde un lugués opta ao premio

Por 23 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Le Cordon Bleu Madrid publicou na súa páxina oficial de Facebook as vídeo receitas dos estudantes que optan ao XII Premio Promesas da alta cociña. Do mesmo xeito que en pasadas edicións, as persoas que así o desexen poden votar pola súa receita favorita e desta maneira ser parte do xurado popular do certame.

Os alumnos galegos seleccionados son: Jacobo Diz Gómez, do CIFP Paseo das Pontes da Coruña e Alejandro Luis Pena Mouricio IES Sanxillao de Lugo e representarán a Galicia nesta fase do concurso. Un total de 50 candidatos de 28 centros en 21 provincias contan con representación nesta fase do certame.

Nas vídeo receitas, de 5 minutos de duración máxima, os estudantes, demostran as súas habilidades culinarias e creativas cun prato elaborado a partir dunha proposta común: paupiette de troita rechea con salsa holandesa con dúas guarnicións, unha delas feita obrigatoriamente a base de pataca e a outra completamente libre. Desta maneira, tamén contan coa posibilidade de desenvolver a súa creatividade con produtos de libre elección, especialmente valorados se son típicos das súas rexións e de tempada.

Os votos obtidos a través da rede social constituirán un 15% da valoración aos participantes, e sumaranse ás votacións do xurado profesional, composto por chefs profesores da Escola. O prazo de votacións estará aberto ata o próximo 19 de febreiro. Posteriormente, o 21 de febreiro, Le Cordon Bleu Madrid dará a coñecer os 10 finalistas que participarán na gran final na súa sede de Madrid en abril.

Os 10 finalistas deberán presentar o seu prato fronte ao xurado, que na súa última edición estivo presidido por Nacho Manzano, chef con 2 estrelas Michelin do restaurante Casa Marcial en Asturias. En edicións anteriores, o xurado estivo presidido por outras celebridades da gastronomía nacional, como Jesús Sánchez, Joan Roca, Diego Guerrero, Martín Berasategui ou Andoni Luis Aduriz.

Andalucía con 14 e a Comunidade Valenciana con 7 candidatos, son as Comunidades Autónomas con maior representación nesta edición. Tamén estarán presentes nesta fase do certame outras autonomías como: Aragón, Baleares, Castela e León, Cataluña, Galicia, Canarias, A Rioxa, Melilla, Murcia, Navarra, e País Vasco.

Doce anos da man das novas promesas da gastronomía nacional

O Premio Promesas da alta cociña é un certame de ámbito nacional dirixido a estudantes menores de 25 anos que cursen actualmente o último ano de formación en cociña en calquera centro do país e que destaquen pola súa paixón e a súa visión da cociña. O concurso ofrécelles a oportunidade de seguir formándose en Le Cordon Bleu Madrid, a través de dúas bolsas outorgadas aos dous primeiros clasificados, de 26.000 e 9.500 euros, respectivamente, para potenciar así as súas habilidades culinarias. A organización premiará tamén o esforzo dos centros cunha axuda económica de 1.500 euros para o centro do primeiro clasificado.

Raúl Campillo, estudante do CFP A Inmaculada de Granada, foi o gañador da pasada edición do Premio Promesas. O granadino, logrou conquistar ao xurado presidido por Nacho Manzano, coa súa interpretación do prato Pito de curral en salsa, peituga contisée e tartaleta de verduras.