Skip to main content
Lugo

A cidade contará con catro novas zonas dentro do plan de calmado do tráfico

Por 23 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Crearanse catro novos pasos de peóns elevados nas rúas Mazaira, Curros Enríquez, Afonso X o Sabio e na Rolda das Fontiñas.

O tenente alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou a continuación do plan de calmado de tráfico na cidade con 4 novas intervencións. “Buscamos un tráfico calmado, aumentando a seguridade da veciñanza de toda a cidade”, afirmou Rubén Arroxo, que destacou “a importancia das actuacións de calmado de tráfico, comezando nas zonas escolares nun primeiro momento e que se expandiron a todas as zonas da cidade”.

Nesta intervención realizarase un novo paso de peóns elevado na Rolda das Fontiñas, á altura do número 29, no primeiro paso de peóns tras a rotonda de San Eufrasio. Ademais, construiranse tamén nas rúas Mazaira, á altura do número 12, Curros Enríquez 11 e Afonso X o Sabio á altura da facultade de Ciencias.

Segundo o tenente alcalde, “o calmado do tráfico é unha das reclamacións que máis nos fan chegar as veciñas e veciños de Lugo”. Rubén Arroxo afirmou que “desde a Tenencia de Alcaldía seguimos a traballar para que Lugo se converta nunha cidade na que as persoas sexan o centro da mobilidade, cun tráfico calmado e menos vehículos a motor nas rúas”.