Skip to main content
Lugo

Besteiro promete unha atención ás necesidades da sanidade pública

Por 25 Xaneiro, 2024Sin comentarios

No encontro da candidatura socialista ás autonómicas por Lugo con alcaldes, alcaldesas e voceiros e voceiras municipais quedou de manifesto que o 80% dos concellos da provincia sofre “graves” problemas de persoal nos centros de saúde.

Os socialistas subliñaron que Besteiro atenderá na Xunta de Galicia as necesidades da sanidade pública na provincia de Lugo tras 15 anos de desmantelamento do Partido Popular. Así o manifestaron na reunión de traballo que a candidatura do PSdeG ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo mantivo este mércores na sede do partido para analizar cal é a situación do sistema sanitario galego, “peor ca nunca”, incidiron, como evidencia o feito de que “o 80% dos 67 concellos da provincia de Lugo sofre graves problemas de persoal nos centros de saúde”, tanto de médicos de familiar, como pediatras e enfermería.

No encontro participaron os candidatos e candidatas Lara Méndez, Mayra García Bermúdez, Miguel Tomé, Teresa Fernández, Elena Cordero, Manuel Fernández, Catalina Fernández, Silvia Rodríguez e Jorge Val, co secretario de Sanidade da Executiva do partido na provincia, Miguel Rodríguez Lois, e o voceiro no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, xunto a alcaldes e alcaldesas, e voceiros e voceiras municipais socialistas de toda a provincia.

“O Partido Popular non cre na sanidade pública porque non cre no público”, destacou Miguel Rodríguez, quen denunciou que o PP leva sometendo dende hai 15 anos á sanidade pública a uns recortes e a unha “precarización histórica” que deu lugar á situación crítica pola que atravesa este servizo esencial. “Vivimos a peor situación da sanidade pública en Galicia dende a chegada da democracia, sobre todo na Atención Primaria”, asegurou.

Os socialistas destacaron que con Besteiro á fronte da Xunta “incrementaremos os orzamentos da sanidade pública en Galicia, como primeira medida dun plan de choque para recuperar a calidade asistencial, principalmente na Atención Primaria e outras especialidades”.

As cifras da precarización da sanidade

Os socialistas sinalaron algúns dos casos máis graves da provincia, como o peche definitivo do consultorio de Castro, en Carballedo, ou a precarización da atención nos centros de Parga (Guitiriz), Castro de Rei, Cervo ou Nadela (Lugo) tras telos cerrados durante meses. Tamén tivo pechado o consultorio de Bóveda; deixou o ambulatorio de Castroverde sen médicos no Nadal; e desde outubro en Negueira de Muñiz non hai facultativo.

Viveiro, con máis de 15.000 habitantes, non ten pediatra desde hai un ano e chega a haber só un médico dos 10 que tiña que haber. Monforte ten só 5 médicos dos 12 que debería haber para atender aos seus 18.000 habitantes na Fonsagrada contan con 2 profesionais dos 5 que había, e que agora teñen que atender tamén aos veciños de Negueira.

Galicia ten a Atención Primaria máis saturada de España

Lembran os socialistas que o Defensor do Paciente, na memoria anual que elaborou para o 2023, vén de sinalar que a atención primaria de Galicia é xunto coa de Andalucía a máis saturada de España; destacando a “necesidade” de incrementar o cadro de persoal de médicos e pediatras nun 30% para diminuír a presión.

Este documento denuncia ademais o “modus operandi” da Xunta de Galicia para “sanear” a listaxe de espera, excluíndo aos doentes que rexeitan ser intervidos en hospitais de diferentes zonas ás que lles corresponden, “unha medida que supón o aumento da lista non estrutural do Sergas e que vai en favor da sanidade privada”.

Á cola en médicos por habitante

Tamén fixeron referencia aos ratios de médicos por habitante, que sitúan Galicia como a terceira comunidade autónoma pola cola en España segundo o informe da Fundacion Civio. Galicia conta con 450 por cada 100.000 habitantes, cando a media española se sitúa en 480, e no que ten que ver coa saúde mental, Galicia volve situarse como a comunidade con peor ratio de profesionais por paciente.

Recordan tamén desde o PSdeG que con respecto ao ano 2009, a Xunta do PP reduciu o número de profesionais sanitarios de Atención Primaria en 976 e o orzamento en materia sanitaria -sen ter en conta a inflación- caeu desde ese ano en 130M€. De feito, a sanidade é considerada o principal problema en Galicia para o 26,5%, preocupando principalmente a persoas maiores que viven no rural.

O modelo socialista para a recuperación

A candidatura socialista trasladou que entre as prioridades de José Ramón Gómez Besteiro cando sexa Presidente da Xunta en materia sanitaria estará tamén a de reducir os tempos de espera na Primaria e garantir a atención no prazo máximo de 48 horas, como ocorría na etapa de Touriño, fronte ás esperas de entre 5 e 21 días que se rexistran na actualidade pola nefasta xestión do PP.

Defenden que Besteiro apostará pola sanidade pública en Galicia como Pedro Sánchez desde o Goberno de España. Lembran que co socialista ao fronte do Executivo as últimas convocatorias de prazas MIR foron as máis grandes da historia; que recuperou a sanidade pública universal eliminada por Mariano Rajoy no 2018; eliminou o copago farmacéutico para 6,8 millóns de persoas; estabilizou o emprego e eliminou a temporalidade dos profesionais. Ademais, recordan que con Pedro Sánchez, España garante o dereito a unha morte digna, recuperou o dereito de acceso ás técnicas de reprodución asistida e promoveu a nova estratexia de Saúde Mental 2022-2026.

Tal e como explicaron os membros da candidatura, o plan de choque de Besteiro consistirá nun investimento adecuado, unha planificación axeitada “que evite o colapso das urxencias”, uns incentivos e condicións laborais estables para o persoal sanitario ou unidades de traslado axeitadas e suficientes.