Skip to main content
Lugo

Lara Méndez anuncia un plan de impulso da industrialización para a provincia

Por 25 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Lembrou que a Xunta do PP tivo que devolver fondos europeos claves para Lugo e Galicia pola deficiente xestión e que recibiu unha reprimenda do Consello de Contas pola falta de planificación e de seguimento, así como pola falta de transparencia”.

Lara Méndez, candidata por Lugo polo PSdeG-PSOE, visitou as instalacións de Novafrigsa en Coeses, municipio de Lugo, para coñecer os avances da ampliación y automatización desta empresa, a maior industria de vacún de Galicia e das primeiras de España, na que traballan máis de 400 empregados.

A candidata destacou a importancia de empresas como Novafrigsa e Coren, “que son as que manteñen vivo o sector primario e da alimentación de Lugo e Galicia, defendendo a produción no propio territorio, os produtos de calidade e as melloras tecnolóxicas”, e incidiu en que “estamos a falar dunha empresa punteira e competitiva, que soubo aproveitar as oportunidades de financiamento europeo para modernizar os seus procesos e acadar unha maior eficiencia enerxética”. “Grazas a estas empresas se consegue asentar poboación no rural, porque só se este produce se crean oportunidades profesionais e persoais”.

Méndez trasladoulle á directiva de Frigsa a importancia de aproveitar os fondos que están a chegar desde Europa tras a pandemia para modernizar e transformar os sectores: “É o momento, porque hai unha aposta decidida do Goberno central para acompañar con fondos propios e os procedentes de Europa ás industrias e empresas para mellorar a súa competitividade”. Lamentou todos os fondos que se levan perdidos en Galicia “pola ineficacia da Xunta, por unha xestión neglixente que supuxo que ao final tivese que devolver cartos europeos e que recibise unha reprimenda do Consello de contas por adoecer de falla de planificación, falla de seguimento e falla de transparencia e de rendición de contas”.

Para a candidata socialista, con José Ramón Besteiro ao fronte da Xunta estas situacións non se repetirán porque “temos clara a importancia dos fondos europeos para impulsar a urxente industrialización de Galicia, apoiando e non confrontando desde o Goberno galego e creando sinerxias entre Administracións, industrialización que en Lugo debe pasar polo impulso da sostibilidade, o sector agroalimentario e forestal e a innovación”.

Se Besteiro é presidente, argumentou, Galicia poderá, tras 15 anos de inacción, dar pasos para fomentar a diferenciación dos produtos agroalimentarios galegos, xerar rendas e empregos grazas a un mellor ordenamento do territorio, eliminando trabas administrativas e garantindo os niveis de dotacións e servizos que equiparen os niveis de vida no rural e no urbano.