Skip to main content
Lugo

Un acordo permitirá desenvolver drons especializados en Lugo

Por 25 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A Alcaldía de Lugo ultima unha colaboración co centro de Formación Profesional As Mercedes que permitirá ao servizo municipal de Protección Civil operar drons desenvolvidos por este centro educativo nunha contorna operativa real. O acordo, que foi hoxe á Xunta de Goberno local e terá unha duración inicial de catro anos, abre un novo abanico de posibilidades a nivel municipal aplicables a ámbitos moi diversos: desde a procura de persoas ata a execución de fotogrametría 3D en contornas naturais e patrimoniais para previr situacións potencialmente perigosas. Así mesmo, esta colaboración inclúe a preparación dun vehículo municipal como centro de operacións para comandar UAS de distintos tipos, dispositivos robóticos e aqueles sistemas anti-dron implementados por As Mercedes dentro dos seus ciclos formativos.

“O obxectivo deste traballo conxunto, que canalizará a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, é converter ao Concello de Lugo nun referente de operatividade con este tipo de sistemas aproveitando o material punteiro co que conta este centro de FP referente en robótica a nivel galego. Así mesmo, pretendemos lograr a mellora da formación e capacitación profesional do seu alumnado á hora de realizar funcións no mando e control de diversos sistemas non tripulados, tanto aéreos como terrestres”, sinalou a alcaldesa, Paula Alvarellos.

O Concello de Lugo xa conta na actualidade con dous drons, un aéreo e outro subacuatico, adscritos a tarefas de vixiancia, rescate e control de tráfico ou eventos. “A incorporación deste tipo de ferramentas tecnolóxicas ao funcionamento dos nosos servizos cidadáns, como Protección Civil ou a Policía Local, está a ter un impacto moi positivo en termos de seguridade na nosa cidade. Así o constatamos con experiencias previas, como o control das Festas de San Froilán 2023 ou o rescate do pasado mes de agosto, cando o dron subacuatico de Protección Civil permitiunos localizar e recuperar un cadáver no leito do Miño nun tempo record, aforrando así un elevado custo tanto en recursos humanos como económicos”, sinalou a rexedora.

Esta colaboración enmárcase dentro da política de aproveitamento da investigación, desenvolvemento e innovación que o Goberno local, na liña doutros traballos conxuntos desenvoltos con outras institucións como o Campus Terra, mantén cos centros formativos da cidade co obxectivo de aproveitar toda a súa potencialidade.