Skip to main content
Lugo

A Federación veciñal presenta o seu Programa de Igualdade

Por 25 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti presentou o Programa de Igualdade e Loita contra a Violencia de Xénero para o ano 2024, no que ofrecen servizos gratuítos de intervención individual ás mulleres e actividades grupais abertas á poboación que abordan de maneira transversal a violencia machista e están dirixidas á poboación xeral que queira profundar en temas relacionados coa igualdade e a diversidade de xénero.

Este plan está ideado xunto ás asociacións veciñais da provincia de Lugo, xa sexa para a realización de actividades ou para dar resposta a demandas específicas.

“Na Federación Veciñal continuamos traballando na realidade social da igualdade entre mulleres e homes tomando o pulso ás necesidades, demandas, problemas e propostas da poboación de Lugo para construír accións de intervención comunitaria a través do programa de igualdade e prevención de violencia”, explican.

Ademais das habituais, este ano contan con novas actividades.

Almorzos pola Igualdade

Compartirán un almorzo, nun espazo seguro e de confianza, onde pasar un intre agradable, e descubrir o que hai en común entre todas, brindándose apoio unhas ás outras. Está dirixido a persoas que lles preocupa a igualdade de xénero, ou están comprometidas coa igualdade e queren saber como alcanzala de forma efectiva.

Non estás soa!

Ofrecerán apoio e asesoramento gratuíto, abren as portas da Federación Veciñal ofrecendo unha sala onde poder acudir de forma libre en horario de mañá mediante cita previa. “Ven a ter un intre de tranquilidade de forma individual nun espazo de calma e protección emocional. Cando unha muller comparte a súa historia de violencia, está a dar o primeiro paso para romper o ciclo de malos tratos. Debemos garantirlle o espazo seguro que necesita para falar e ser escoitada”, din.

Faladoiros entre veciñas

O grupo de Mulleres Veciñais reuniranse para charlar sobre o que está a pasar na provincia, as noticias de actualidade e todo o que acontece no día a día para poñelo en común.

Talleres de autoestima

Espazo de encontro no que aprenderase a traballar a imaxe corporal e que impacto ten na autoestima buscando visibilizar e adquirir novas ferramentas que faciliten o benestar e o autocuidado.

Grupo terapéutico para mulleres divorciadas ou separadas

Neste grupo reuniranse con mulleres que acaban de separarse, divorciarse ou terminar unha relación de parella. Poderán compartir as súas experiencias, expresar as súas emocións e os seus pensamentos máis íntimos de forma confidencial nunha contorna comprensiva e de aceptación.

Talleres de Teatro

Nestes talleres achegaranse ás técnicas teatrais como a improvisación, a técnica vocal ou a expresión corporal, que facilitasen o desenvolvemento da creatividade, a empatía, a autoestima, a confianza e a seguridade. Xuntas irán xerando ideas sobre as que traballar e expoñerán obxectivos para todo o grupo. Non se requiren coñecementos previos nin experiencia en técnicas teatrais.

“Neste taller exploraremos xuntas novos relatos e identidades, rescataremos a vida de mulleres esquecidas e denunciaremos o machismo a través das artes escénicas. Achegarémonos a textos de dramaturgas, escribiremos os nosos propios textos e poñerémolos en escena”, explican.

Empoderamento Dixital

Primeiros pasos de informática co computador, con este taller pretenden mellorar o uso do computador, refrescar coñecementos sobre correo electrónico, xestións e seguridade na internet, coñecer a nube e ferramentas básicas de ofimática etc. Non é necesario ter coñecementos previos. Servizo de atención individual.

Costura de supervivencia

Neste taller veranse reparacións básicas téxtiles, para gañar autonomía e sustentabilidade e alongar a vida útil da roupa.

Amigas guerreiras

Continuarase co grupo de Mulleres Veciñais, que ten o obxectivo de traballar distintas temáticas que teñen que ver co desenvolvemento persoal, a promoción da saúde, a educación sexual e a prevención da Violencia Machista. “Dedicamos o noso empeño en aprender a poñer límites, xestionar certas situacións que poidan xerarnos malestar e a relacionarnos doutra maneira máis saudable connosco mesmas”, engaden.

Empoderamento Artístico

“As mulleres temos moito que contar, por iso convidámosche a participar neste encontro de escritura creativa no que nos expresaremos e reflexionaremos sobre a invisibilización das mulleres como unha forma de violencia cara a nós. Non necesitas ter experiencia previa escribindo”, din.

Eu tamén podo

Esta actividade trata de preguntar quen realiza algunhas tarefas en casa, quen fai o almorzo ou a cea, quen limpa, recolle, fai a compra… Seguramente, farase maior referencia á figura feminina, o que pode chegar normalizar que a muller é quen debe realizar as tarefas, “pero isto non é así todos podemos realizar as tarefas por igual”.

Ensinos ás próximas xeracións

“O exemplo que damos ás xeracións máis novas determina a maneira en que esta pensa sobre o xénero, o respecto e os dereitos humanos. Iniciaremos conversacións en centros escolares sobre os roles de xénero a unha idade temperá que cuestionan os trazos e as características tradicionais asignadas a homes e mulleres. Sinalando os estereotipos aos que nenas e nenos enfróntanse constantemente, xa sexa nos medios de comunicación, na rúa ou na escola. A educación e a sensibilización desempeñan un papel crucial na prevención da violencia de xénero”, conclúen.