Skip to main content
Lugo

Novo concerto este sábado dentro do programa da Filarmónica

Por 26 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Este sábado, 28 de xaneiro, a Sociedade Filarmónica de Lugo continuará coa súa tempada de concertos número 77; tempadas que veñen sucedendo de forma ininterrompida dende o ano 1947, alcanzando xa máis de 720 concertos cos máis recoñecidos músicos e agrupacións de todo o mundo. Trece concertos programados de outubro a maio con orquestras, solistas e agrupacións de cámara de primeira fila que traerán á nosa cidade a mellor música.

Nesta ocasión será a vez Alejandra Díaz, violonchelo e voz, na presentación do álbum Berce. Conta coa colaboración especial do compositor Juan Durán ao piano. Todos os concertos do ciclo son no Círculo das Artes de Lugo ás 20:00 h.

As persoas interesadas en adquirir o abono de tempada ou facerse socias da Sociedad Filarmónica pódeno facer escribindo ao correo electrónico filarmonicadelugo@gmail.com. As entradas para non socios, para os concertos soltos, poderanse adquirir o mesmo día da actuación nas oficinas do Círculo das Artes. Tamén haberá entradas para estudantes a prezo moi reducido e entrada de balde para menores de idade e estudantes do Conservatorio.

OS ARTISTAS

Alejandra Díaz

Considerada unha música cautivadora e unha intérprete natural sobre o escenario, Alejandra foi premiada co Carnegie Palmer Award e finalista do Galardón Internacional Pablo Casals. En 2022 obtivo o posto de violonchelista principal asociada da Israeli Opera en Tel Aviv. Tras ser galardoada co LSO String Experience Scheme en 2013, converteuse na primeira violonchelista española da historia en actuar xunto á London Symphony Orchestra.

Foi artista invitada a diversos festivais internacionais e programas de radio como Café Zimmermann en Radio Clásica ou In Tune na BBC Radio 3. Revistas especializadas de música como The Strad Magazine, Codalario ou a revista Ritmo fixéronse eco dos seus logros. Completou o Máster de Interpretación e o Grao en Música con honores pola Guildhall School of Music & Drama e a City University of London. Cabe destacar o seu compromiso pola educación musical e a música actual, estreando obras de importantes compositores. A súa traxectoria artística foi avalada por fundacións como a Carne Trust, Guildhall Trust, Matthiesen Foundation ou Worshipful Company of Musicians. Na actualidade Alejandra é catedrática de violonchelo no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Juan Durán

Juan Durán está considerado como un dos compositores máis extraordinarios da súa xeración. É autor dun importante catálogo de obras onde conviven a música de cámara, a vocal, a sinfónica e a escénica, así como arranxos e orquestracións de música galega. Entre outros galardóns, recibiu o Premio da Crítica en 2009, o Premio da Cultura Galega en 2013 e o Premio Raíña Sofía de Composición en 2018. É membro da Real Academia Galega de Belas Artes e da M.I. Academia de Música Valenciana.