Skip to main content
Lugo

Investigadores do Campus Terra analizan compostos mariños para fármacos

Por 28 Xaneiro, 2024Xaneiro 29th, 2024Sin comentarios

O grupo Farmatox da USC, que coordina o catedrático da área de Farmacoloxía na Facultade de Veterinaria Luis M. Botana, participa cun consorcio internacional de 13 socios nunha iniciativa de I+D do programa Horizonte Europa orientada a optimizar métodos e sistemas de cultivo de recursos mariños en terra e que conta cunha dotación orzamentaria de tres millóns de euros ata 2026.

O grupo de investigación Toxinas Mariñas: Mecanismos de transdución, usos terapéuticos e métodos de detección (Farmatox) do Campus Terra da USC pescuda a composición de novos compostos mariños a fin de avaliar a actividade das súas moléculas e testar así o seu posible emprego para desenvolvemento de futuros fármacos ao abeiro do proxecto Combo, unha iniciativa de I+D+i incluída e financiada ao abeiro do programa marco de investigación da UE Horizonte Europa que conta cun orzamento de tres millóns de euros, segundo indicou o catedrático da área de Farmacoloxía da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo, Luis M. Botana López.

A participación do grupo Farmatox da USC no proxecto Combo, unha iniciativa de I+D+i liderada pola universidade irlandesa de Galway e na que tamén participa a Fundación Medina como integrante dun consorcio formado por trece entidades, universidades e centros de investigación de Europa (Irlanda, España, Dinamarca, Holanda, Francia), Sudáfrica e Estados Unidos, permite a este equipo da sede universitaria luguesa dar continuidade a unha liña de traballo que comezou hai xa máis de dúas décadas e que se traduciu na aprobación de varias patentes.

O obxectivo último deste proxecto é o desenvolvemento de métodos eficaces para cultivar produtos mariños en terra, precisou o profesor Botana e coordinador Farmatox da USC, quen xustificou a pertinencia desta liña de investigación no alto nivel de actividade que presentan as moléculas de recursos mariños e cuxos usos e potenciais aplicacións farmacolóxicas e terapéuticas cómpre determinar.

O catedrático da área de Farmacoloxía da USC, que este venres participará na Universidade de Galway na sesión inicial do proxecto Combo, cuxos traballos e pescudas se prolongarán durante os próximos 36 meses, expresou o seu convencemento de que esta liña de traballo e I+D redundará en novos avances na área de farmacoloxía e, en consecuencia, no tratamento e control de doenzas oncolóxicas, entre outras. O uso deste tipo de compostos mariños en antibióticos, unha liña de estudo que desenvolve a Fundación Medina, é outro dos escenarios que barallan os promotores do proxecto Combo, “un programa sinxelo, pero ambicioso, cuxo maior ou menor grao de éxito virá determinado polo número de patentes creadas”, dixo.

O labor que desenvolverá o persoal investigador da sede universitaria luguesa implicado neste programa europeo centrarase na análise do tipo de actividade que teñen as moléculas dos recursos mariños obxecto de estudo. Aínda que se trata dun proxecto de I+D+i que acaba de comezar, o persoal do grupo Farmatox da USC xa recibiu nos seus laboratorios do Campus de Lugo uns 20 compostos de recursos mariños (algas, esponxas…) previamente illados e que presentan unha estrutura semellante á das hormonas sexuais, que tamén teñen moita actividade, apuntou Luis M. Botana, ao tempo que reiterou o seu convencemento en que o proxecto Combo se traducirá en novas patentes rendibles e útiles para a I+D e para a sociedade.