Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Cal é o nome máis común en cada concello da provincia de Lugo?

Por 1 Xaneiro, 2024Xaneiro 3rd, 2024Sin comentarios

María e Manuel son os protagonistas entre os lucenses, aínda que nos concellos a tendencia cambia lixeiramente. José é o máis repetido nos municipios da Terra Chá e da Mariña, mentres que María del Carmen domina na comarca de Lugo

Lucía Blanco

Antonio, José Luis, Carmen ou Lucía? Aínda que calquera dos catro son nomes propios de gran popularidade en Galicia, o podio ten dous claros vencedores: María e Manuel. Concretamente, 38.371 galegas —un 14,16 ‰ — chámanse María, mentres que Manuel ten aínda un predominio maior, xa que son 67.900  —un 25,05 ‰ —, segundo os últimos datos publicados  polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Na provincia, a situación tampouco cambia. De novo son os nomes que teñen 4.185 mulleres lucenses e 9.096 homes. María Carmen, Carmen, José e Antonio ocupan a segunda e a terceira posición, deixando claro que os antropónimos máis comúns teñen un sabor clásico. Na cidade de Lugo, hai 1.660 persoas rexistradas como María Carmen e 2.179 como Manuel, nomes que tamén dominan en Palas, mentres que María del Carmen e José son os máis rexistrados en Antas, en Guntín e en Monterroso.

María del Carmen e Manuel son os máis comúns en Baralla e Rábade; Carmen e Manuel, en Becerreá, na Fonsagrada e en Navia; Manuela e Manuel, no Corgo e Josefa e José, en Outeiro. Na zona da Terra Chá, o protagonismo lévao José, sendo o máis repetido en Abadín, na Pastoriza, en Vilalba, Xermade, Begonte, Cospeito e Friol. Deste xeito, preséntanse diferenzas en canto aos antropónimos femininos. María reina en Abadín, na Pastoriza, en Vilalba e Xermade; Josefa domina en Cospeito e Castro; María del Carmen, en Begonte e Carmen, en Friol.

En Viveiro, hai 230 mulleres rexistradas como María del Carmen e 253 como José. En cambio, María e Manuel son os máis repetidos en Barreiros, Mondoñedo, Trabada e Foz e María e José fano en Barreiros, Ourol e Lourenzá. Dolores e José impóñense no Vicedo e en Xove; María Carmen e José Ramón, en Alfoz; María Dolores e Manuel, en Cervo e María del Carmen e Manuel, en Ribadeo.

José domina na Mariña

En Monforte hai 216 Marías e 558 Manueles, que son tamén os máis rexistrados en Bóveda, Carballedo, Pantón e no Saviñao. María e José converténse nos máis comúns en Sober e Taboada; Carmen e Manuel no Páramo, en Triacastela e Quiroga; María Carmen e Manuel, en Chantada e Carmen e José, en Folgoso do Courel. María e Manuel repítense como máis comúns no Incio, en Ribas de Sil e Samos; Pilar e Manuel, en Láncara e Sara e Manuel en Paradela.

Porén, as tendencias varían e os nomes de moda cambian co paso do tempo, práctica que confirma cada ano a estatística dos máis escollidos para os novos nacementos. Segundo a lista dos neonatos galegos do 2022, Martín, do que se rexistraron 263 bebés e Mateo e Lucas, con 239 e 173 rexistros respectivamente, son os máis postos. Os de orixe galega parece que cobran forza. Roi ocupa o noveno lugar, seguido de Gael e Xoel. No caso das nenas, o máis común é Noa, con 159 casos; xunto con Sofía, con 140 e Valeria, con 135.

López e Fernández, apelidos máis comúns

En canto á distribución municipal por apelidos, mandan os patronímicos rematados en -ez, que teñen a súa orixe na Idade Media e significaban “fillo de”. Concretamente, 108.553 e 102.454 galegos teñen Rodríguez e Fernández como primeiro apelido. Os seguintes máis habituais son González, do que se rexistran 81.649 persoas e López, con 75.881. Na provincia tampouco hai moita sorpresa, aínda que cambian as posicións. Abundan os López, con 23.024 casos; os Fernández, con 18.691 e os Rodríguez, con 15.085.

Por concellos, repítese case o mesmo patrón. Na cidade de Lugo, 6.090 persoas levan López de primeiro, 5.102 son Fernández e 3.917, Rodríguez. A primeira posición é compartida en Cervantes, no Corgo, nas Nogais, en Guntín, Outeiro, Rábade e Pedrafita. Na Fonsagrada e en Navia o máis habitual é atoparase a alguén apelidado Fernández, mentres que en Monterroso e Palas domina Vázquez.

Na Terra Chá, Fernández e López son os máis repetidos en Castro, Cospeito, Meira e Vilaba, mentres que López e Rodríguez fano en Friol e Guitiriz. A tendencia cambia en Abadín, onde se impón Díaz, así como ocorre con García na Pastoriza. Na costa, Fernández triunfa en Burela, Cervo, Foz, Viveiro, Ourol, O Vicedo e Xove. Pero a cousa cambia en Alfoz e Mondoñedo, onde é máis frecuente apelidarse García.

Rodríguez gaña en Monforte, onde 1.980 residentes levan ese apelido, e tamén en Pantón, na Pobra do Brollón, en Quiroga, Sober e Ribas de Sil. González é o protagonista en Carballedo; Fernández, en Chantada e López, en Folgoso. López e Fernández tamén se impoñen en Sarria, Samos, Triacastela e Láncara e López e Rodríguez fano no Incio, no Páramo e en Paradela.