Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Convocadas as axudas para os produtores da IXP Ternera Gallega

Por 4 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os produtores amparados pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega, convocadas para o exercicio orzamentario deste 2024, co obxectivo de paliar os sobrecustos que orixina este tipo de produción, máis elevados que na estándar.

Estas axudas anuais convócanse cun importe de 12 millóns de euros. Dende mañá, o día seguinte ao da publicación desta Orde, os interesados disporán de prazo ata o vindeiro 5 de febreiro para presentar as súas solicitudes.

A orde sinala que poderán beneficiarse destas axudas as explotacións inscritas nos rexistros do Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega durante algún período do ano 2023 e que teñan animais rexistrados durante dito ano como Ternera Gallega (TG) ou Ternera Gallega Suprema (TGS) por dito consello regulador, e ademais que finalizaran o seu ciclo produtivo dentro do 2023.

Con estas axudas cubriranse parcialmente os custos derivados deste tipo de producións. Concederanse un máximo de 200 euros por animal identificado TGS e de 36 euros por animal identificado TG, todos eles habendo completado o seu ciclo produtivo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023 e cumprindo os requisitos inherentes á Indicación Xeográfica Protexida.

Producións de calidade

Ao longo dos últimos dous anos, os custos agraváronse para o sector gandeiro como resultado do encarecemento das materias primas pola invasión rusa de Ucraína e afondou na dificultade do traslado completo dos custos de produción ao seguinte elo da cadea de valor iniciada en 2020, coa crise económica xerada pola pandemia provocada pola covid-19.

A consecuencia final disto é que o modelo tradicional de produción de carne de vacún de calidade con vacas nais de Galicia estase vendo afectado por causas alleas á súa actividade, de aí a necesidade de apoiar o sector cunha axuda directa que alivie a situación conxuntural e facilite a súa continuidade produtiva, xa que as producións de Ternera Gallega teñen importancia social e medio ambiental no ámbito rural galego.