Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O DOG publica a orde de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de gando

Por 11 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde da Consellería do Medio Rural que regula a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, control e erradicación das súas enfermidades, e pola que se convocan estas achegas para o ano 2024.

A convocatoria conta cun orzamento total de 974.268 euros e abrangue o gando sacrificado ou morto por diferentes doenzas, entre elas a causa da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), trala declaración oficial do primeiro foco desta doenza por parte da autoridade competente en sanidade animal. Neste sentido, cómpre lembrar que estas compensacións cubrirán, con carácter retroactivo dende setembro pasado -mes da chegada da enfermidade a Galicia-, todas as mortes de reses que se constate que foron causadas por esta doenza.

Do mesmo xeito, inclúe tamén as mortes por posibles reaccións adversas fronte a vacina da lingua azul, no marco da campaña de vacinación fronte a este enfermidade. Outras doenzas ás que fai referencia á orde son a tuberculose, a brucelose, a leucose ou a lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, así como as diferentes encefalopatías esponxiformes transmisibles. Do mesmo modo, tamén se inclúen a salmonela -no caso de aves reprodutoras ou poñedoras-, a gripe aviaria ou as pestes clásica ou africana, no que atinxe ao gando porcino.

Explotacións inscritas no rexistro xeral

Entre os requisitos que se esixen para acceder a estas compensacións están o de que as explotacións afectadas estean correctamente inscritas no rexistro xeral de explotacións gandeiras (REGA). As contías das indemnizacións serán as que estean en vigor en cada momento, segundo os baremos ou prezos oficiais aprobados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e publicados no Boletín Oficial do Estado.

O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, abrirase desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e ata o vindeiro 29 de novembro de 2024.

Ligazón á orde