Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

A Consellería do Medio Rural analizou as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios especialmente no sector do viño

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, reuníronse con responsables de consellos reguladores dos viños galegos con denominación de orixe.

O motivo do encontro foi o de avaliar as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios, cuxa convocatoria publica o Diario Oficial de Galicia, referidas especificamente ao sector vitivinícola.

Así, por parte dos representantes da Consellería lembrouse que este eido produtivo é especialmente sensible aos fenómenos meteorolóxicos adversos e que por iso ten un tratamento especial neste tipo de achegas.

Desta forma, mentres que no resto de liñas de seguro de explotacións agrícolas a porcentaxe de subvención, por parte da Xunta, é do 22 %, no caso da uva de vinificación das denominacións de orixe pode chegar ata o 50 %. Así, sumando as achegas do Estado e da Xunta, é moi factible que nestas pólizas se chegue a financiar o 75 % do importe total, que é o máximo establecido pola lexislación comunitaria.