Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Convocadas as axudas para as agrupacións forestais de xestión conxunta

Por 14 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) xa publicou a orde mediante a cal se convocan as axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal en réxime de concorrencia competitiva, cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros. O financiamento procese integramente da Unión Europea a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea -NextGenerationEU-.

Dentro da aposta do goberno autonómico por promover as agrupacións forestais de xestión conxunta, recollidas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, convócanse por primeira vez estas axudas que contan con tres liñas de actuación.

A primeira delas céntrase na organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das agrupacións forestais de xestión conxunta. Poderanse beneficiar asociacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que sexan representativas ou estean relacionadas coa propiedade forestal, así como as comunidades e mancomunidade de montes veciñais en man común. Estas axudas contarán cun crédito de 200.000 euros.

A segunda liña de achegas buscará dar apoio ás asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais, cun orzamento de 400.000 euros. As actuacións subvencionables son a contratación de persoal técnico para facer traballos vinculados coa comercialización conxunta de produtos forestais, a dotación e mantemento de infraestruturas para o desenvolvemento da actividade de comercialización e para o equipamento técnico e materiais necesarios para levala a cabo.

Tanto a primeira liña como a segunda teñen un prazo de presentación de solicitudes de 30 días hábiles a partir do día seguinte á súa publicación no DOG.

Potenciar as agrupacións forestais de xestión conxunta

A terceira das liñas de axudas destínase á creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta e contará cunha asignación total de 1.798.931 euros. Estas achegas destinaranse para a creacións destas agrupacións mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal.

Estas axudas tamén apoiarán a aquelas agrupacións xa inscritas no correspondente rexistro, a fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan.

As actuacións que serán subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (SOFOR).

O prazo de presentación de solicitudes é de 45 días hábiles, contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación no DOG.

Primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040

Esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica, aprobado polo Decreto 140/2021, do 30 de setembro, que se estrutura en distintos eixos estratéxicos de intervención para o deseño e execución da política forestal galega.

Concretamente, esta convocatoria de axudas contribúe a acadar os obxectivos estratéxicos do Programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Consulta o anuncio no DOG