Skip to main content

A comunidade galega é a primeira coas contas en vigor dende o 1 de xaneiro. Estes son os orzamentos da provincia.

Galicia convértese na primeira comunidade en aprobar os seus orzamentos para o 2024, que ascenden a 13.257 millóns de euros. “Garanten o crecemento estable; consolidan todas as rebaixas de impostos en vigor e inclúen novos incentivos fiscais; reforzan o gasto social e os investimentos e todo iso sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos”, explican desde a Xunta. Segundo o Goberno, refórzanse os servizos públicos e séntanse as bases do crecemento e do emprego futuro.

SANIDADE

Un ano máis a consellería con maior dotación volveu ser Sanidade, ao recibir 218 millóns de euros máis, un incremento do 4,4 % respecto ao ano 2023, e situarse en 5.191 millóns de euros. Segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, “o orzamento sanitario aínda que crece un 4,2% respecto a 2023, como a inflación prevista e do 4,3%, na realidade decrece nun 2,3%”.

IMPRESIÓNS

Para as deputadas autonómicas do PP na comarca de Lemos, din que “é un claro exemplo de que a Xunta continúa apostando pola continuidade deste centro sanitario”, subliñan. Para a deputada do BNG “as inversións en Sanidade non parecen suficientes xa que as carencias na Atención Primaria ou tamén no Hospital de Monforte merecerían unha especial dotación”.

Segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, “o orzamento sanitario supón unha renuncia a introducir as melloras que necesita a Sanidade Pública Galega para resolver os graves problemas que a afectan”. E no gasto na Atención Primaria din que o “o gasto crecerá soamente en 56 millóns de euros, un 3,5% respecto ao 2023. Pois se descontamos a inflación o gasto descende realmente un 18,6 %. O gasto para Atención Primaria queda no 14,2% do total sanitario, moi lonxe do obxectivo do 25% recomendado polas organizacións profesionais e a OMS”.
Por outra banda a plataforma SOS di que á formación do persoal tan só se destinan 77 millóns, un 1,5% do total, “absolutamente insuficiente para formar aos traballadores sanitarios que necesitamos”.

RURAL

En Galicia hai 7 estruturas de xestión integrada e na provincia de Lugo é a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos que acolle aos 67 concellos lucenses e case 326.013 habitantes, segundo o INE en 2021. Segundo datos facilitados polo Sergas, a provincia lucense conta con 73 centros de saúde, 11 consultorios e 1 Centro Integral de Saúde (CIS) de Lugo, o número de profesionais médicos para atendelos a todos é un dato que oscila en máis de 6.000 traballadores entre o persoal dos tres hospitais e dos traballadores dos centros de saúde, a administración pública di que “as cifras de persoal dispoñible varían día a día por baixas, permisos, vacacións, etc”.

No rural lucense máis da metade dos médicos “vanse xubilar nos próximos 5 ou 6 anos polo que o Goberno galego debería ter unha previsión do que se vai facer, pero non queren actuar”, din desde varias plataformas sanitarias, “e a poboación rural é a que máis a precisa a atención médica xa que as persoas maiores son as que viven nestas localidades tan dispersas, e moitas veces teñen problemas para desprazarse”

“O que necesitamos é achegar a atención sanitaria a toda a poboación, pero se desaparece supón un risco para todos”, sinalan desde as plataformas, “somos a ultima comunidade no número proporcional de consultorios locais e pechalos suporía unha traba”.

LISTAS DE AGARDA

As listas de espera para a primeira consulta especializada non superan de media os 90 días, e nas listas de espera cirúrxica, a situación é moi similar. Outra cousa son as listas na consulta de Atención Primaria, nas que están arredor dos 7 días e incluso nalgúns centros chegan aos 15 días ou ao mes. Ademais contan con moita disparidade entre os diferentes centros de saúde xa que en algúns faltan profesionais, sobre todo no rural.

Así mesmo, estes datos de lista de espera cirúrxicas non se saben feacentemente pois “o Sergas non publica as listas non estruturais, que son as de pacientes que rexeitan ser intervidos por razóns non atribuíbles ao sistema, é dicir, que no queren ser derivados a outros centros nin a outras áreas por diferentes motivos”, din desde a Plataforma.

“Vemos positiva a construción da intermodal, pero seguimos reclamando investimentos para mellorar os servizos ferroviarios”, din dende o BNG

EDUCACIÓN

A Consellaría de Educación e Cultura manexa a segunda cifra máis alta, por detrás de Sanidade. Porén e como acontece cos orzamentos en materia de saúde pública, os presupostos de Educación medran por debaixo da media xeral, que se sitúa nun 5 %, mentres que a Consellaría que leva esta área crece un 2,8 %, quedándose con 2.976 millóns de euros.
Esta cifra supón unha inversión de máis de 82 millóns se comparamos co ano 2023, período no os fondos dispoñibles en materia educativa subiron un 5,2 %. De feito, no capítulo de inversións reais mesmo chega a baixar uns 7 millóns sobre o 2023. A dixitalización do sistema educativo, a busca da eficiencia enerxética e potenciar a FP pasan a definir as actuacións da Xunta para este novo ano.

MELLORA DOS CENTROS

Os orzamentos destinados ás actuacións de mellora nos centros educativos superan os 56 millóns de euros. Neste grupo inclúense a adquisición de equipamento e mobiliario, as obras para mellorar e integrar as enerxías renovables, así como as obras de rehabilitación e ampliación dos CIFP e dos IES nos que se invisten máis de 32 millóns. Na provincia, contémplanse 2.080.000 millóns de euros para a rehabilitación integral do IES Lucus Augusti e outros 406.400 euros para a rehabilitación integral da Escola de Arte Ramón Falcón.

Dende a oposición valoran como un despropósito as novas contas. “Cada ano merma o aumento do orzamento por debaixo do que sube a inflación ou o IPC e vaise acumulando esa diferenza. De feito, temos calculado sobre 644 millóns soamente na parte do ensino público con respecto aos últimos 14 anos”, explica a deputada do BNG, Cristina Fernández Davila. Neste senso, o portavoz do Grupo Socialista, Luís Álvarez, criticou que o presidente da Xunta estea a anunciar “melloras que non se reflicten nos Orzamentos da Xunta para 2024 e que van ser inexistentes”. Álvarez asegurou que coa entrada en vigor dos presupostos “a cidadanía seguirá agardando días por unha cita en Atención Primaria, continuará habendo déficit de profesores e de persoal nos centros educativos”.

TRANSPORTE ESCOLAR

Diríxense máis de dous millóns de euros para o transporte escolar e os comedores sociais, incrementando así en 405.076 euros os fondos destinados ás ANPAS e aos concellos para sufragar estes servizos. Esta cantidade complétase coas partidas da Consellería de Mobilidade ata os 123,1 millóns de euros. Así, o BNG insta ao Goberno da Xunta a revisar a ordenación das rutas de transporte escolar e as súas paradas, que ocasiona problemáticas para as familias e o estudantado. Así acontece na parroquia de Torés nas Nogais, que teñen adscrito o IES de Becerreá, pero que para dirixirse ao centro deben percorrer os 14 quilómetros ata As Nogais por unha estrada de montaña e logo facer transbordo para percorrer os 8 quilómetros que os separan de Becerreá.

PROFESORADO

Nos orzamentos inclúese o acordo de mellora da educación, firmado por CCOO, ANPE e UGT, e polo que se reducen os ratios de alumnos e se soben os sexenios do persoal docente, entre outras medidas. Así que as prazas de profesorado continúan a ser unha das cuestións polémicas nestas novas contas e que denuncian tanto as formacións políticas como os sindicatos. Tal e como figuran nos presupostos, Galicia contará con 30.424 profesores no ano 2024, cifra que se mantén con respecto ao exercicio anterior e que cae en 866 prazas se se compara coas contas do 2022. Por iso, dende a CIG-Ensino denuncian que “a oferta pública de emprego anunciada no último Consello de goberno da Xunta” non vai “ter ningún efecto nos fondos destinados á contratación de persoal docente”.

Aínda que a natalidade cae e o persoal docente se mantén, dende CCOO tamén sinalan unha falta de prazas. “A OPE anterior foi de estabilización, a xente que estaba traballando como substitutos e interinos pasaban a ser funcionarios de carreira, non variaba o número. Este ano botamos en falta as prazas de reposición do 022 que non foron na convocatoria pasada”, explica Luz López, secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO de Galicia.

Segundo SOS Sanidade Pública, “o orzamento sanitario aínda que crece un 4,2% respecto a 2023, como a inflación prevista e do 4,3%, na realidade decrece”

BENESTAR

Con respecto ao ámbito do benestar social, representado pola Consellería de Política Social, este ten o maior aumento porcentual nos orzamentos, xa que sobe un 11,9 %, alcanzando os 1.205 millóns de euros.

DEPENDENTES E MAIORES

Nos orzamentos de Política Social, contémplanse 540 millóns de euros para a atención a maiores e a mellora dos servizos sociais sociocomunitarios. Na actualidade, hai máis de 73.000 persoas dependentes que precisan de recursos de atención diúrna ou atención residencial.

Ademais, os orzamentos inclúen 97 millóns de euros para o Bono Coidado no Fogar e para as persoas que precisen de atención as 24 horas do día, créase un complemento, o Bono Residencia, ao que se destinarán 55 millóns de euros. Por outro lado, os orzamentos tamén reforzan o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), dotando con 130 millóns de euros aos concellos para aumentar as horas a disposición dos gobernos municipais e cumprir os acordos asinados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Nesta liña, tamén se contemplan 4,7 millóns de euros para estender a rede de casas do maior, 18,5 millóns de euros para as novas residencias e centros de día de titularidade municipal e 12 millóns de euros para executar obras de mellora para adaptar as residencias públicas autonómicas ao novo modelo de coidados.

O PSdeG, pola súa parte, cre que o modelo público de residencias que creou Besteiro cando estaba á fronte da Deputación de Lugo é mellor que o da xunta e, de chegar a ser presidente da Xunta, di que estenderá este modelo a toda Galicia.

“O meu modelo é todo o contrario ao de Rueda: aquí os maiores son tratados coma na casa, en centros pequenos e ben atendidos, sen ter que marchar do seu pobo, e pagan o xusto en función da súa capacidade patrimonial”, sostén Besteiro.
Pola súa parte, desde o BNG prometen fortalecer a inspección a residencias de maiores, xa que os propios inspectores denunciaron que a Xunta avisa aos centros de atención a anciáns cando vai haber inspección, dificultando a capacidade dos profesionais para coñecer a situación real destes lugares.

DISCAPACIDADE E XUVENTUDE

Con respecto ao ámbito da discapacidade, os orzamentos da Xunta contemplan 172 millóns para a atención á discapacidade e aumentan nun 50 % as axudas para o tecido asociativo, que ascenden a 9 millóns no sector da discapacidade, e resérvanse outros 7 millóns para ampliar a rede galega de atención temperá.

No ámbito da xuventude, dedícanse case 2 millóns ás iniciativas ‘Xuventude Mentoring’ e ‘Xuventude Mentoring na Empresa’ e aumentan ata os 800.000 euros as axudas para sacar o carné de conducir. Por outro lado, 4 millóns de euros destinaranse para os programas ‘Primavera Xove’, ‘Outono Xove’ e para os Espazos Xoves da Xunta.

Con respecto ás partidas de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, estas soben ata os 242 millóns de euros e destínanse 3 millóns de euros para as ampliacións da rede de casas niño, mentres que outros 31,4 millóns de euros serán para apostar pola Tarxeta Benvida como apoio económico para as familias que teñan un fillo.

Na área de Inclusión Social dedicaranse 153 millóns de euros, mantendo a renda de inclusión social de Galicia (Risga) nos 46 millóns de euros e inclúen 5 millóns de euros para as Axudas de Inclusión Social (AIS), que benefician a 3.000 persoas en situación de vulnerabilidade, así como outros 8 millóns para aboar o complemento autonómico ás pensións non contributivas a máis de 37.000 galegos.

O BNG, pola súa parte, levou ao Parlamento unha iniciativa para reformar a Lei de Inclusión Social pola “falta de impulso lexislativo da Xunta, un síntome claro dun Goberno en decadencia”. E o PSdeG defende que “as pensións, ademais de ter que ser dignas, son un dereito e un beneficio directo sobre o benestar das persoas e o sustento de moitas familias”.

Para o PSOE as grandes infraestruturas están “empantanadas” e a Xunta “segue sen artellar un plan industrial para a provincia, nin para Galicia

INFRAESTRUTURAS

As contas recollen unha previsión de investimento que se achega aos 600 millóns de euros, 14 máis que o ano pasado. Polo tanto, a Axencia Galega de Infraestruturas volverá ser o departamento con maior orzamento, a Dirección Xeral de Mobilidade incrementa o seu presuposto ata os preto de 164 millóns, e Augas de Galicia, pola súa banda, contará cun orzamento de 140 millóns de euros, que permitirán seguir coa colaboración técnica e financeira cos concellos para reforzar os sistemas de saneamento e depuración.

TRANSPORTE GRATIS

Nas contas verase reflectido unha medida nova: a gratuidade do transporte público da Xunta para os maiores de 65 anos. Tamén se manterá a gratuidade para menores de 21 anos. A aposta polo transporte público tamén se verá reflectida na mellora dos equipamentos e servizos. Destaca aquí o investimento para as intermodais, como os 5,8 millóns para a de Lugo.

Aínda que hai satisfacción xeral por esta infraestrutura, non faltan as voces que din que “é necesario que xunto ao investimento previsto se avance tamén na modernización das vías”, como insistiu o nacionalista lucense Rubén Arroxo. “Vemos positivo que por fin se active a construción da intermodal, pero seguimos reclamando investimentos importantes para mellorar os servizos ferroviarios que Lugo necesita, tanto para o transporte de pasaxeiros como de mercadorías”, insistiu.

VÍAS DE ALTAS PRESTACIÓNS

Tamén se reserva unha partida de 40 millóns para as vías de altas prestacións e acondicionar estradas. Destaca o investimento de 4 millóns para a VAP da Costa Norte ou para a segunda fase de conversión da VAP Nadela-Sarria. Os orzamentos sinalan que se continuará coa execución de variantes de estradas ao seu paso por núcleos de poboación como é a Rolda Leste de Lugo. A partida para esta rolda está en unha situación complexa pola falta de acordo dos partidos que consideran o trazado unha agresión a esta zona natural. Esta infraestrutura está a ser unha moeda de intercambio mentres os cartos quedan parados. Tamén avanzarase na mellora de estradas autonómicas, como a LU-540.

XESTIÓN DA AUGA

En canto aos investimentos previstos por Augas de Galicia, estes irán orientados a coidar e preservar este ben vital. Para o apoio aos concellos nas súas competencias de depuración e saneamento, resérvanse 85 millóns de euros. A estar mellor preparados fronte á seca e ter garantidas reservas de auga destinaranse 23 millóns, con actuacións para mellorar abastecementos municipais e medidas encamiñadas a aumentar as garantías de existencia de recursos para cubrir o abastecemento reservando os caudais ecolóxicos. Como nova medida, recóllese a creación da Escola da Auga, cun plan de formación para o persoal técnico dos concellos, das empresas xestoras, usuarios etc.

Para o PSOE as grandes infraestruturas están “empantanadas” e que a Xunta “segue sen artellar un plan industrial para a provincia, nin para Galicia, unha medida que levan moito tempo reclamando os socialistas. Para os partidos na oposición, os orzamentos, en materia de infraestruturas esquecéronse de obras de importancia para a provincia, como a nova EDAR para Barreiros, a construción dos polígonos industriais  que demandan Muras, O Valadouro, Riotorto e a terceira fase do parque empresarial de Barreiros que xa está ocupado ao 100%.