Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Xunta convoca o concurso de deseño con motivo do 8 de marzo

Por 21 Xaneiro, 2024Sin comentarios

As consellerías de Promoción do Emprego e Igualdade e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades abren o prazo de presentación do concurso do deseño do cartel do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. Os centros educativos de ensino non universitario galegos poderán presentar os seus traballos ata o vindeiro 22 de febreiro, ás 15,00 horas.

Establécense no certame tres categorías: a primeira, dirixida ao alumnado de infantil e aos cursos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de educación primaria; a segunda para o alumnado de quinto e sexto de educación primaria e de primeiro e segundo da ESO e de educación especial; e a terceira categoría para as alumnas e os alumnos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de bacharelato, de FP básica, de ciclos de grao medio e superior.

O obxecto do concurso é fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que visibilice a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

A imaxe gráfica que resulte gañadora poderá ser utilizada pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional da Muller, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade.

Concederanse dous premios por cada categoría e consistirán nun cheque regalo para investir no comercio local en material didáctico, deportivo ou tecnolóxico, para cada unha das alumnas e alumnos integrantes do equipo gañador, valorado en 100 euros e 50 euros, respectivamente, para o primeiro e segundo galardón, así como nun lote de libros para o centro.

Co fin de axilizar a recepción dos traballos, os centros deberán adiantar a proposta do traballo á Secretaría Xeral da Igualdade mediante o envío do cartel en formato PDF ou JPG e a información identificativa do anexo I (datos do alumnado e do centro educativo) ao seguinte enderezo electrónico: concurso8m.igualdade@xunta.gal. É preciso destacar que esta forma de envío non exime aos centros de entregar os traballos de acordo coas bases do concurso.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos números de teléfono do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación (Secretaría Xeral da Igualdade): 981 547 397- 981 957 689.